miércoles, 24 de junio de 2009

o piadoso


Albino dándolle de beber ao sedento.

jueves, 18 de junio de 2009

a PPolítica dos "aPPolíticos"



"No se metan ustedes en política!",
por Anxo Quintana

Hagan como yo: ¡No se metan ustedes en política!” Contan as crónicas da época que con esta frase Franco aleccionaba os seus ministros para afastalos de calquera tentación de deixar a súa impronta persoal dentro da acción de goberno da dictadura.

Agora, despois de moitos anos morta e enterrada a dictadura, o fundamento da frase resoa outra vez na boca da conselleira de Traballo e Benestar con motivo da súa primeira comparecencia no Parlamento: “A nosa misión é despolitizar o Consorcio de Igualdade e Benestar porque os servizos sociais non poden entender de política”. Aseveración pre-democrática que merece unha reflexión.

Para quen entendemos a política como a arte de servir ao pobo, escoitar falar de despolitizar sempre enche de preocupación. A democracia dótase de institucións políticas que representan ao conxunto da sociedade. O pluralismo na democracia parlamentaria exércese a través da participación e acción dos partidos políticos. Os cidadáns esperan dos políticos que fagan política para mellorar o benestar na sociedade. Cando se fala de despolitizar moitas veces o que traducen as palabras son as razóns do subconsciente: non é ca política ca que se queren marcar distancias senón cos servizos públicos, co control das institucións sobre eses servizos e co pluralismo que os cidadáns refrendan nas urnas.

A conselleira, na súa comparecencia do martes día 9 de xuño no Parlamento, demostrou ter unha concepción pexorativa e mesmo pecaminosa da política que di pouco en favor dunha persoa electa democraticamente polos cidadáns para exercer un cargo político. Concepción que aplica ao nomeamento do xerente do tan maltratado Consorcio: “Agora vamos a despolitizar o Consorcio nomeando un xerente de perfil técnico”. Seica o anterior era “demasiado político”.

Na pasada lexislatura púxose en marcha, por primeira vez na historia da nosa autonomía, un organismo público de colaboración institucional estable entre concellos e Xunta de Galicia para a execución e xestión dunha Rede Pública de Benestar. Un fito histórico que hoxe é referencia na atención xerontolóxica en Europa. Sendo un organismo de colaboración entre Xunta e concellos, ao goberno bipartito pareceulle oportuno propor como xerente do organismo a unha persoa cun compromiso partidario, compromiso aínda non declarado delito no Código Penal, pero eso si, cunha dilatada traxectoria na vida municipal.

Agora, o novo Goberno, “para despolitizar” nomea un novo xerente cuxa adscrición partidaria e tan evidente como a do anterior só que de distinto signo e a maiores, ademais dunha cualificación técnica que ninguén ten por qué discutir, exhibe unha total falta de experiencia na xestión da Administración Pública. Eso sí “despolitizado”.

Seica o Consorcio era un chiringuito para instalar aos amigos do partido, unha mala herba a extirpar. Agora os amigos pasan a ser na nova nomenclatura persoas “técnicas” cuxa adscrición e simpatía partidaria pasa a ser intranscendente e o Consorcio “un organismo útil que en todo caso hai que reformar” (conselleira dixit).

Só o silencio imposto por certa aristocracia mediática pode facer posible que esta ópera bufa se estea a representar con case total impunidade. Polo menos antes a sabiduría popular resolvía esto con maior gracia cantando aquelo de “cando se emborracha un pobre todos din que borrachón. Cando se emborracha un rico que gracioso está o señor”.

Os organismos de xestión e planificación como o consorcio cobran sentido e funcionalidade cando se poñen ao servizo de obxectivos políticos e institucionais que redunden en beneficio do conxunto da poboación.

Na pasada lexislatura o Parlamento galego aprobou sen ningún voto en contra a nova Lei Galega de Servizos Sociais que fai unha aposta decidida pola construcción do Sistema Galego de Benestar entendido como unha rede pública de servizos, programas e instalacións destinados a ser a cuarta pata do Estado de Benestar no noso país. O Consorcio é un dos instrumentos dos que a Lei se dota para a súa correcta execución.

Na súa intervención do martes día 9 a conselleira non adicou nin unha soa verba á Lei básica que debe rexer os pasos do seu departamento en materia de benestar. Nin ás súas determinacións, nin os seus instrumentos de xestión, nin aos seus prazos de aplicación. Eso sí, tivo tempo, a conselleira, para certificar o abandono da idea integral dos servizos sociais reducíndoos á tan mediátia Lei de Dependencia. Dependencia cuxo tratamento xa non se confía prioritariamente á rede pública de servizos sociais, senón a graciosa paga de prestacións. Por certo! Prestacións cuxa situación exacta a 3 de abril de 2009 e con descripción pormenorizada de persoas valoradas, número de grandes dependentes, plans individuais de atención asignados e solicitudes denegadas foron trasladados minuciosamente e por escrito á conselleira Beatriz Mato por quen hoxe escribe este artigo, con motivo do traspaso de poderes do anterior executivo. Aínda así, esta información non serviu para que a conselleira na súa intervención evitara faltar á verdade falando de números ocultos e “15.000 grandes dependentes agochados polo bipartito”. A despolitización debe incluír tamén unha evidente falta de responsabilidade institucional.

O malo de todo esto é que a conselleira ca súa intervención no Parlamento puxo o primeiro golpe de piqueta para intentar destruír o soño realizable da nova era dos servizos sociais iniciada na pasada lexislatura.

Cada día que pasa, a incapacidade da Xunta de Galicia para gobernar pon máis en valor a labor de goberno bipartito. Valor que irá a máis sobre todo si se cumpre a profecía ca que a conselleira de Traballo e Benestar ilustrou o martes a súa intervención aínda baixo os efectos da euforia electoral: “Unha marea azul invade non só Galiza, senón tamén España e Europa”. Eso creo que non o dixo Franco. Eso era máis dun tal José Antonio.