domingo, 16 de septiembre de 2012

PENSAMENTO LÚCIDO: "O problema nacional galego"



Francisco Rodríguez
 

Francisco Rodríguez






Non cabe dúbida. Vivimos un momento crítico, de inflexión, en moitos aspectos. Para unha mente consciente de sermos pobo, nación, interesada en expresar a súa vontade colectiva, a perspectiva política está conformada polas necesidades, pola realidade do país co que nos identificamos, Galiza. Seguramente, tamén para moitos galegos e galegas, que detectan cales son os nosos problemas e intúen, de forma confusa, por onde poden vir as solucións, a realidade circundante condiciona a súa óptica política. A conciencia nacionalista, a conciencia de Galiza, significa identificación e adhesión ao propio país, ás súas necesidades. Non deixa de ser o produto dunha realidade específica, desvendada na conciencia. Velaí a súa fortaleza, que está intimamente ligada á necesidade, á particularidade da contradición que vivimos como pobo distinto. Mais tamén é fráxil, porque non se incardina nos procesos de dominio nin de subordinación. É a súa antítese. Ademais sempre resulta albo de todos os ataques que se argallan en nome da modernidade e do progreso fraudulentos, do universalismo cosmopolita, da concepción da unidade como aceptación da dependencia, a subordinación, o dominio, nos eidos político e económico. Non falarei da imposición destrutiva contra a lingua e a cultura nacional decorrente da xerarquía superior da españolidade que a globalización actual non fai máis que excitar.

A verdade é que resulta rechamante que, desde Galiza e en nome da actual situación crítica, se pretenda prescindir, obviar ou secundarizar, aínda máis, a perspectiva política da nosa nación, a conciencia das súas necesidades, a identificación coa nosa realidade económica, social e cultural para defender alternativas apropiadas. O que se recoñece como unha situación de emerxencia nacional non é aproveitada para fortalecer unha visión política axustada ás nosas necesidades e a unha alternativa consecuente con elas, como sería a da unidade interna, senón xustamente para confundila, esvaela e, sobre todo, para servir a estratexias e deseños políticos que non teñen o centro de decisión no país. Para unha mente sen unha conciencia nacional excesivamente fráxil ou gravemente afectada por desafeccións ao propio, non debería ser difícil comprender que a crise na Galiza é inseparábel e debida á progresiva eliminación dos nosos sectores produtivos, co paro conseguinte, o retroceso demográfico e o envellecemento inevitábeis, e a emigración que non cesa; insuperábel sen a capacidade para decidir por nós mesmo en función dos nosos intereses; sen saída liberadora posíbel se non hai confianza nas propias capacidades e se non se practica a autoestima fundamentada na valoración do propio, mesmo para mudalo, melloralo ou criticalo, no uso da lingua do país e no coñecemento da nosa historia. De asumirmos o diagnóstico, é doado tirar as conclusións oportunas. Expresémonos en termos máis xenéricos e abstractos: a solución non vai vir de afondar na españolización e na globalización. Terá que vir nunha dirección oposta á actual dominante. Só un poderoso aparato ideolóxico e cultural de intoxicación e dominio das conciencias, e o subxacente funcionamento económico, social e político, poden explicar a reticencia a traballar por unha máis ampla conciencia nacional na Galiza, precisamente neste momento de crise máis do que nunca.

Porén, algúns sectores ideoloxizados, de tradición “galeguista”, por empregarmos unha palabra que lles é moi querida, e en nome da esquerda, argumentan que é este un momento no que debe prevalecer a conciencia de clase, no sentido marxista, sobre a conciencia nacional. A articulación dunha política de defensa das maiorías sociais castigadas pola crise esixiría esta preferencia. Teño comprobado que, en momentos críticos, sempre aparece no campo nacionalista alguén que foxe da contradición principal cara ao sucursalismo, a españolidade, por este vieiro presuntamente esquerdista. De igual forma teño observado que, nalgúns casos, especialmente no campo da cultura, no mundo intelectual, presuntos independentistas retóricos non fan máis que agochar no seu aparente radicalismo nacional de ocasión un esquerdismo inconsecuente, incluída a maridaxe coa esquerda española antes que coa nacional galega, ao tempo que practican toda caste de conivencias e adulacións co statu quo institucional ao que serven sen complexos. Hai exemplos ben senlleiros. Mais volvamos á cuestión da dicotomía. Usala para xustificar alianzas con forzas sucursalistas resulta revelador. No caso galego concretamente, tal dicotomía é imposíbel de fundamentar, a non ser que se pretenda contribuír ao confusionismo ideolóxico, ese que consiste en acoutar o problema nacional a un problema “identitario”, restrito á lingua e á cultura, que se conciben así tamén como algo inmaterial. Esta concepción do problema nacional confunde do punto de vista analítico, desorienta á hora de artellar alternativas e procurar solucións para as maiorías sociais na Galiza. Efectivamente a sociedade galega, o pobo galego, só sairá da súa crise endémica, agora agudizada, se existe unha alternativa galega cuxo suxeito político non poden ser máis que as clases populares do país. Semellante alternativa debe ter como obxectivo mudar o modelo de UE para fundamentalo na igualdade entre nacións e no beneficio para as maiorías sociais, e o modelo de Estado para unha confederación, como mínimo.

"En momentos críticos, sempre aparece no campo nacionalista alguén que foxe da contradición principal cara ao sucursalismo, a españolidade, por este vieiro presuntamente esquerdista"


Como xa indicou Castelao, no caso galego, a clase obreira, as clases traballadoras, en xeral, só poderán desenvolver o seu potencial se o país rompe a dependencia e a subordinación económica. O noso desenvolvemento endóxeno fará medrar a economía e os traballadores produtivos. Necesitamos outro modelo de desenvolvemento que rompa as graves limitacións que hoxe nos impón a dependencia. Obxectivamente as máis interesadas e a quen máis aproveitará son as clases traballadoras. Sen elas é imposíbel unha mudanza semellante. Exemplifiquémolo con algunhas preguntas retóricas. Acaso a desaparición das entidades financeiras galegas beneficia as clases traballadoras do país? É que, nas actuais circunstancias, non son elas as que deben abandeirar a creación dunha Banca Pública Galega? El será que non contarmos con soberanía fiscal e acreditar que vivimos de prestado é unha contribución á unha conciencia proletaria? Por ventura é a oligarquía global e a local as que teñen interese en que Galiza goce de soberanía, de capacidade de decisión? A recentralización política en curso non vai parella ao proceso de concentración do capital, aos oligopolios de toda caste e á perda de dereitos sociais e laborais? Non hai indicios dabondo que indican que a desigualdade no reparto da riqueza está tamén relacionada coa función, co papel que cada pobo desempeña no deseño global do Estado español e da UE? Finalmente, será que as clases traballadoras, a obreira en particular, de exerceren os seus dereitos plenamente, non son as primeiras interesadas en podermos producir, en non emigrarmos, en non disociarmos a condición nacional da de clase? Non é boa pedagoxía política educar as clases populares galegas no que xa están habituadas en exceso, unha continua anulación da perspectiva galega do contexto estatal, europeo e mundial, en nome de non se sabe que abstractas maiorías sociais. Disociar o problema nacional do problema de clase nas nacións dependentes e/ou colonizadas conduce á privar de toda perspectiva de futuro ao pobo en cuestión. A tradición nacionalista galega tívoo sempre claro.


"Altermundismo, retórica esquerdista, horizontalidade, calquera mimetismo de moda vale para xustificar actuacións tácticas que debilitan o marco galego de decisión, a autoorganización, a unidade en función de criterios e perspectivas acordes cos intereses do pobo galego".
Porén, as crises do nacionalismo galego sempre estiveron marcadas por esta cuestión en situacións críticas. Por exemplo, a tendencia a privilexiar a expresión galeguismo, tal adulterada como equívoca, no canto de nacionalismo serve sempre de pasarela par xustificar a confluencia co sucursalismo, que non é neutro, senón antinacionalista. Hai o comodín pexorativo: o nacionalismo é sectario. Altermundismo, retórica esquerdista, horizontalidade, calquera mimetismo de moda vale para xustificar actuacións tácticas que debilitan o marco galego de decisión, a autoorganización, a unidade en función de criterios e perspectivas acordes cos intereses do pobo galego. Nunha palabra, unha alternativa popular de nós, única garantía de o país poder defenderse e mesmo para poder ter a posibilidade de dialogar cos demais sobre bases de igualdade. Hai quen prefire facer de cabalo de troia para introducir outras perspectivas e intereses, neste caso os dunha forza política española. Xa o aclarou Cayo Lara, dando desde Madrid o visto e prace central á operación de confluencia electoral, as eleccións galegas non teñen unha dimensión galega, téñena española. Naturalmente non estaba pensando no peso de Galiza no Estado, nin nunha perspectiva galega da política estatal. Estaba pensando en como usar o proceso electoral galego para os intereses da política española ou españolizadora. O dirixente dese segmento da esquerda estatal nunca confunde sobre o carácter español-andaluz da opción que encabeza, incluída a cultura e a lingua. Tampouco deixa lugar a dúbidas sobre a súa oposición teórica e práctica a calquera proceso que signifique a soberanía para as nacións do Estado. Non é menos notoria a animadversión e hostilidade desta forza política á autoorganización sindical do noso pobo. E menos oculta unha ideoloxía agresiva co nacionalismo, o galego en particular, nada menos que en nome de que os traballadores non teñen patria, agás naturalmente a que se deriva da españolidade imperial que nin discuten nin combaten, mais ben reafirman.

Certamente na sociedade actual existe un deterioro que atinxe moitos aspectos das nosas vidas e comportamentos, un caos onde todo parece valer. Tan é así que podemos mesmo asistir incrédulos a situacións esperpénticas, por abusivamente contraditorias. Podemos atoparnos unha coalición electoral anticapitalista que non ten reparos en acabar incluíndo consumados defensores do capitalismo, supostos independentistas mesturados con recalcitrantes españolistas, e todo cociñado en sete días. Onde ficou o programa, programa, programa duns? Onde a horizontalidade, a base e a ética doutros? Que se fixo da ridiculización e intoxicación anticomunista que practicaban algúns dentro do nacionalismo galego hexemónico para agacharen o motivo real da súa disidencia, que non era outro máis que o de mudar o seu carácter nidiamente nacionalista, e polo tanto coherente coa base social, material, que pode sustentalo, as clases populares? Hai moito tempo vivín na organización na que milito situacións nas que había que estar constantemente rebatendo e contradicindo a tendencia filopesoísta dun leader carismático, para non sermos unha muleta dese partido estatal. Nada que reprochar, pode ser normal a diversidade de perspectivas. Máis tarde vino abrazado a Fraga, xustificándose en que era unha forma de que nos dese a pátina de demócratas, isto é, de non terroristas, estabamos na etapa Aznar. Un erro táctico incomprensíbel, pensei, produto da canseira e da incoherencia. Pasar da peste Fraga a aquilo era demasiado. Ver a todo un Consello Nacional votando a altas horas da noite para obrigalo a presentar unha moción de censura a Fraga polo Prestige, pareceume unha proba do seu desnorte político e da súa falta de sentido da realidade. O que veu máis tarde, máis recente, con descualificacións e denigracións públicas continuas da forza política á que dicía pertencer, mellor non xulgalo politicamente, e menos dun punto de vista ético, palabra que a algúns tanto lle gorenta usar, seguramente por presumiren do que carecen. Espero que, agora, á luz de feitos tan reveladores e de opcións tan inconsecuentes, algúns que, de boa fe, puidesen acreditar en que a crise interna vivida polo nacionalismo galego estivo provocada non se sabe por que hexemonismo malévolo dun partido, cavilen en que a causalidade foi ideolóxico-política. E non para beneficiar nin a autoorganización nin o nacionalismo nin a perspectiva galega da política. E xa postos a falar de ética, o espectáculo en curso dá toda a impresión dunha chambonada electoralista de urxencia. Nada a ver coas maiorías sociais nin coas necesidades do país
.