sábado, 10 de marzo de 2012

os merlos da utopía



Non é unha pregunta tráxica porque, en rigor, non responde a unha dúbida existencial de gran fondura

E eu de quen veño sendo?



Admíranme as certezas absolutas de algúns. Servidora, que son eu dito ao vello xeito, ten moi poucas e pregúntase nas noites de desvelo: E eu de quen veño sendo? Non é unha pregunta tráxica porque, en rigor, non responde a unha dúbida existencial de gran fondura. Tampouco é unha brincadeira, porque algo si que me preocupa atopar a miña xinea, estirpe, filiación ou como queiran chamarlle á póla da árbore nacionalista na que pouso.

Servidora sempre pensou na árbore. Sabía que esta  tiña algunhas pólas con nome propio, unhas  fortes e outras de grosor mínimo; porén eran maioría as que non se recoñecían máis que na súa pertenza ao tronco común. Eu estaba nunha desas.

Que vento esgallou algunhas das pólas con nome propio, e as fixo voar despois, non me toca a min explicalo entre outras razóns porque podería arriscarme  nas certezas que denuncio. En todo caso, pasarán anos até que se poida saber se as ramas xermolan noutrén, se a demouca lle dá máis vigor á árbore, ou se unhas e outra saíron perdendo e con elas Galiza e nós, galegas e galegos, que á fin é do que se trata.

A cousa é que, a raíz destes feitos, leo e escoito que quen fica no BNG é a UPG, tamén chamada U alén doutras cualificacións que non repito por non me facer eco das cousas que algúns escriben nos foros baixo a impunidade do anonimato. Polo visto a maioría, independentes, non somos tales, senón ovellas a seguir aos corifeos desta organización. A única liberdade que exercemos é a do amén porque, evidentemente, somos parvos. Parvos e estómagos agradecidos, que, xa se sabe, reparten empregos super-mega-ultra-remunerados contra a crise e os recortes dela derivados.

Un psicanalista tiraría moitas conclusións lendo os males que denuncian, dos militantes que  seguen onde estaban, certos difamadores. Está claro que asimilaron á perfección o discurso dos adversarios políticos e emprégano agora en contra dos que foron os seus compañeiros e compañeiras de viaxe. Cumpriríalles ler a Paulo Freire e a súa Pedagoxía do oprimido. E eu pregúntome se notábeis persoeiros que se desvincularon do Bloque saben en que compaña o fan. Porque, ademais, aínda nunca lin argumentos, si comentarios viscerais que o mesmo defenden unha cousa que a contraria.

Non se entenda, por favor, que non respecto a decisión dos que tomaron outro rumbo. Tampouco que penso que non os moven argumentos serios. Eu só me refiro ao batallón dos que, sen asinar co seu nome, embarran o terreo desde a internet. Digo batallón, mais seguramente son catro que non teñen máis que facer.

Mais isto non me tira o sono, así que volvo ás miñas dúbidas: E eu de quen veño sendo? Coidaba que da defensa da lingua, a ecoloxía, a cultura, a igualdade ...: a Galiza que soño. Pois non. Seica son da UPG á que nunca me afiliei, uns comunistas que van abolir a propiedade privada, nacionalizar os nabais (de nabos, claro) e o naval (tan boiante, xa ora), a caixa de aforros que xa non existe e a catedral de Santiago.

Falando en serio e resumindo: Fóra dunhas cantas persoas moi próximas,  descoñezo quen é independente ou non no Bloque. A min tampouco mo preguntou ninguén, mais sei que non falta quen te adscriba pola súa conta porque coñecen as túas amizades. O curioso é que (supoño que coma min a maioría) temos amizades en moitas partes. E supoño tamén que faremos nosa a máxima de Aristóteles: "Platón é o meu amigo, pero a verdade éo máis".

A verdade -unha de tantas- é que máis de un entre os que se queixaban da baixada electoral do Bloque foron votar nas últimas eleccións e fixérono en branco. Non o imaxino, confesáronmo eles mesmos. Consideraban que o PP, a quen sabían que favorecían, era mellor que o Bloque ou era aquilo de "canto peor mellor"?

Os que ficamos non somos noticia, mais somos esperanza. Esperanza de que a árbore se volva a cadora máis frondosa porque, pese a quen pese, aínda seguen a cantar nela os merlos da utopía que pide futuro.

http://www.terraetempo.com/ )