martes, 19 de enero de 2010

GALEGO: Desexable, necesario...

Análise da Real Academia Galega
das Bases para o decreto do plurilingüismo
no ensino non universitario de Galicia
16 de xaneiro de 2010
O pasado 30.12.2009 a Real Academia Galega recibiu do Goberno Galego o documento titulado Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia (no sucesivo Bases). Trala correspondente análise e deliberación esta Institución declara o seguinte:
1. As Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización da lingua galega, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas. Como é de razón, non é o resultado electoral o que se cuestiona neste ditame senón a coherencia legal deste proxecto e tamén a viabilidade e oportunidade didáctica. Estas Bases sorprenden, porque o partido que sustenta o Goberno actual xogou un importante papel en lexislaturas anteriores para acadar os consensos que permitiron aprobar a Lei de Normalización Lingüística (1983), a sinatura da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (2001) e mailo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004). Ende ben, son Bases para o Decreto, non son aínda o Decreto; e o obxecto deste ditame é sinalar os puntos escuros para que o diálogo parlamentario mellore este texto e se acade un novo e necesario consenso.
2. Son de obrigado cumprimento a Constitución que no art. 3.2. di que [a lingua galega] é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección; o Estatuto de Autonomía que no seu artigo 5 define o galego como lingua propia de Galicia; a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística que obriga a favorecer un cambio de tendencia na consideración social do galego e na súa incorporación a novas esferas da vida social; a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias1, porque este tratado internacional, asinado e referendado polo Reino de España en 2001, utiliza un concepto de normalización que non se encerra no mundo do ensino, senón que é máis transversal, detallado e actualizado cá nosa propia lexislación. As Bases deberían tamén ser coherentes co Plan Xeral de Normalización2, que deseña estratexias e medidas para que a lingua galega consiga máis funcións sociais, máis espazos de uso e prioridade en sectores estratéxicos.
3. Pero tamén son pertinentes, aínda que nestas Bases non se citen, diversas sentenzas dos Tribunais Constitucional, Supremo e Superiores emitidas en resposta a diferentes recursos contrarios á normalización das linguas oficiais e que establecen a lectura oficial da Constitución. Así esta, referida ao catalán pero de plena aplicación ao galego:
Al igual que es legítimo que el catalán, en atención al objetivo de la normalización lingüística en Cataluña, sea el centro de gravedad de este modelo de bilingüismo, siempre que ello no determine la exclusión del castellano como lengua docente de forma que quede garantizado su conocimiento y uso en el territorio de la Comunidad Autónoma. (Fundamento 10 da sentenza 337/1994, de 23 de decembro do Tribunal Constitucional).
1 Asinada por España en 5.11.1992, por ditame do Consejo de Estado e dado o seu carácter político, requiriuse a autorización das Cortes; tras ser concedida, a Carta foi aprobada e ratificada polo Rei en 2.2.2001 entrando en vigor en España o 1.8.2001 (BOE 15.9.2001).
2 Neste caso o valor legal redúcese a ser unha recomendación do Parlamento ao Goberno; pero o seu fundamento xurídico, a súa elaboración plural e a unanimidade parlamentaria acadada o 21.9.2004 danlle o valor de guieiro de actuacións e normas posteriores de calquera rango en Galicia. 1
Dentro de las «acciones políticas» que el art. 3 del Estatuto de Autonomía de Cataluña. permite llevar a cabo a la Generalidad se incluyen, como ya se ha declarado por este Tribunal, las disposiciones de las Comunidades Autónomas encaminadas a promover la normalización lingüística en su territorio (SSTC 69/1988 y 80/1988). Disposiciones cuyo objetivo general no es otro que la de asegurar el respeto y fomentar el uso de la lengua propia de la Comunidad Autónoma y cooficial en ésta y, a este fin, corregir positivamente una situación histórica de desigualdad respecto al castellano, permitiendo alcanzar, de forma progresiva y dentro de las exigencias que la Constitución impone, el más amplio conocimiento y utilización de dicha lengua en su territorio. (TC; sentenza 337/1994, Fundamento xurídico 6).
Constitucionalmente, polo tanto, a promoción e normalización do galego non teñen máis limite cá garantía de que se ensine e coñeza e use o castelán. O galego pode ser mesmo o centro de gravidade do ensino. O fundamento destas normas é a convivencia e a necesidade de corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade verbo do castelán. Esta é a base legal de calquera política lingüística.
4.1. Pero hai dous conceptos na doutrina constitucional que cómpre lembrar. Coñecer unha lingua é condición previa para poder exercer o dereito constitucional de usala. A Constitución recoñece o dereito de usar o galego polo seu carácter cooficial. Ora ben, unha persoa non pode usalo, se non o coñece (elemento obxectivo que lle impide tomar unha decisión libre); nin pode decidir usalo, aínda que o coñeza, se ten prexuízos cara a el, ou se sofre presión social ou ambiental que o cohiba (elemento subxectivo que o forza a unha decisión non libre ou viciada). Faltando calquera un deses elementos, esa persoa non pode exercer a súa liberdade individual a escoller a lingua oficial da súa preferencia. En Galicia é sabido que unha parte da xente nova ten pouca fluidez expresiva en galego e parte da xente maior non o sabe escribir: é dicir, hai dous sectores sociais con mingua da súa liberdade de elección. Isto obriga os poderes públicos a garantiren que tódolos cidadáns van poder coñecer suficientemente o galego como para poder empregalo se así o desexaren; obrígaos a crearen as condicións para o libre uso do galego. E todo isto, que asenta directamente no artigo 3 da Constitución, leva a poñer en marcha políticas activas que progresivamente fagan normal para todos o uso dese dereito. As políticas lingüísticas, non só escolares, son un xénero das políticas da promoción da igualdade efectiva. Buscan que a diferenza deixe de ser unha realidade anormal, buscan facer normal a diferenza e por iso o Tribunal Constitucional fala, con rigor, de normalización.
4.2. O segundo concepto, tamén solidamente asentado na lei e na xurisprudencia, é a discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas: os poderes públicos están obrigados a removeren os obstáculos que impidan ou dificulten a plenitude dos individuos (Constitución 9.2.) e, cando as desigualdades teñen o peso do tempo, a Administración debe facer unha discriminación positiva a prol do marxinado. En palabras simples, quere dicir tratar igual o igual; pero desigual o desigual. Por iso se impoñen medidas activas a prol da muller e contra a súa discriminación. A Constitución esixe dos poderes públicos, enfrontados a unha situación de desigualdade de orixe histórica, a adopción dunha actitude positiva e dilixente tendente á súa corrección (STC 216/1991). No caso da discriminación lingüística, tal e como reiteradamente ditaminou o Tribunal Constitucional, esixe procesos de normalización progresivos. Nisto asenta a nosa Lei de Normalización de 1983.
A lingua galega, é dicir, os falantes de lingua galega, non precisan documentar a súa marxinación histórica: é ben coñecida non só por séculos de emigración dun país non pobre ou pola forma en que a figura do galego é remedada na literatura en castelán, senón pola baixa autoestima con que moitos galegos miran hoxe aquilo que máis os define, que é a lingua, prexuízo que lles impide exercer o seu dereito a usala. Chega con ver a desvantaxe que sofre hoxe nas relacións sociais non pouca xente galega que pretende empregar o galego con normalidade en todos os eidos da súa vida. Chega con comparar a oferta que hai hoxe en galego e en castelán na TV, na radio, nos cines, en xornais, en misas, nas aulas universitarias, na publicidade, no comercio, na banca, etc. Esta é unha sociedade na que conviven dúas
2
linguas pero de xeito asimétrico; hai unha lingua propia que ten que loitar día por día para non perde-lo seu terreo e hai outra que goza de inmensas regalías e todo lle vén á man.
Sendo as dúas linguas un patrimonio que a Constitución manda gardar, é obvio que hai que facer un esforzo tamén asimétrico na protección e fomento da lingua en dificultades. A Xunta de Galicia non pode dubidar se implanta ou non na súa política pública medidas de igualdade; e o carácter progresivo da Lei de Normalización e a persistencia da desigualdade, tampouco permiten discutir se agora toca freala. Aquí xorde a necesidade de leis correctoras coma a Lei de Normalización lingüística, que obrigan o Poder Público a poñer en marcha progresivamente medidas de acción positiva que muden a situación de desigualdade. A igualdade é un punto de chegada.
A igualdade que postulan as Bases, en cambio, é a igualdade de desiguais (galego, castelán e inglés). Tratar igual dúas (ou tres) linguas desiguais é un acto de desigualdade. O Tribunal Constitucional, en situacións diferentes a esta pero paralelas, xa alertou contra o tratamento formalmente neutro que acaba xerando un impacto adverso (STC 198/1996; SSTC 145/, 286/1994 e 147/1995).
A referencia ao Decreto 124/2007, de 28 de xuño, que se pretende derrogar parece obrigada. Pero contén dúas afirmacións que requiren comentario. A de que o Decreto vixente non establece un número ou unha porcentaxe mínima de materias impartidas en castelán pode ser certa; pero, ademais da sentenza 337/1994 do TC, debe recoñecerse que o Plan Xeral, do que deriva o Decreto e que as Bases citan como elemento de referencia pertinente, establece que como mínimo o 50% das materias deben impartirse en galego na educación primaria (medida 2.1.26.), secundaria (2.1.27.), nos bacharelatos (2.1.28.) e nos ciclos formativos (2.1.29.). Como mínimo e polo menos son sintagmas que usa con frecuencia o Plan Xeral en diversos ámbitos 3 como garantía de que con el a lingua galega empezará a ter presenza en ámbitos da vida social, que a rutina lle vén vedando, ou deixará de ter unha posición irrelevante. Tres anos antes foi precisamente o partido que actualmente goberna en Galicia quen levou ese texto ao Parlamento; e levárao sabedor de que a intención do Plan non era a eliminación ou a subordinación do castelán4; como non o é a do vixente Decreto 5. Na apertura do diálogo esta Academia convida a Xunta de Galicia a transitar sen medo por eses como mínimo ou polo menos, porque son expresións garantistas a prol dunha lingua que, usando palabras do Tribunal Constitucional, debe corrixir unha desigualdade histórica.
Na mesma referencia ao Decreto vixente dise que podería cambiar o modelo de conxunción de linguas por un modelo de inmersión. Parece aludirse aí á inmersión lingüística como algo pernicioso e poida que de aí nacese a pantasma da imposición lingüística. A inmersión é un método didáctico de aprendizaxe de linguas que, dende que se experimentou no Canadá con extraordinarios resultados, produciu diversas imitacións en moitos Países. Inmersión lingüística é a que practican con éxito non só centros oficiais como o British Council, a Alliance Française ou o Goethe-Institut senón tamén as mellores academias de aprendizaxe de idiomas. É o método máis rápido, máis eficaz e de máis garantía. Isto é sabido des que en 1643 Comenius escribiu a Ianua Linguarum Reserata co seu método V.I.A. para aprender latín como unha lingua materna. Proba disto é que persoas que se opoñen ao Decreto vixente seguramente non terían inconveniente en mandaren os seus fillos a practicar a inmersión lingüística en Inglaterra, Francia ou Alemaña. A inmersión é un método didáctico simple, eficaz e avalado polo Consello de Europa; pero é un simple método de aprendizaxe, non é un proceso de limpeza étnica.
3 Pregos de condicións e concursos da Xunta de Galicia (1.2.2.); acordos cos diarios de maior tirada (3.1.17); acordos coas autoridades relixiosas (6.1.3. e 6.1.30); cursos de formación especializada para inmigrantes (6.3.8); acordos coas orquestras (3.2.10 e 6.6.16.).
4 O PNL de Galicia non debe pretender, en consecuencia –e é ben reiteralo expresamente–, tirarlle a súa lingua castelá a ningún cidadán, xa que o castelán, ademais de ser lingua oficial, resulta un factor de comunicación imprescindible (PXNL, Presentación; 11).
5 Dirase algo máis nas conclusións finais (15.3.). 3
É certo que, tal como citan as Bases, o vixente Decreto 124 de 28.6.2007 tivo un previo ditame desfavorable do Consello Consultivo (366 de 12.6.2007), ditame, por certo, non desfavorable a todo o articulado senón a algúns puntos concretos. Pero non se comprende que, en cambio, as Bases non teñan en conta que dous dos artigos que a oposición da época considerou máis incómodos (o 13, referido á lingua que deben utilizar o alumno e os materiais didácticos; e o 2, referido á lingua da administración educativa) foron recorridos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que ese Tribunal os declarou conformes a dereito 6. Nesa sentenza lémbrase a doutrina do Tribunal Constitucional e engádese:
La misma sentencia 337/1994, junto a la 137/1986, avala que la lengua gallega pueda servir de vehículo de comunicación con carácter general en la enseñanza y centro de gravedad del modelo de bilingüismo, al exigirse en los estudios básicos no sólo su aprendizaje como materia curricular sino su empleo como lengua docente, estando habilitados, pues, los poderes públicos educativos para organizar la enseñanza de dicha lengua cooficial estableciendo su uso en atención a los objetivos de normalización lingüística, por lo que resulta constitucionalmente legítima la exigencia de utilización con carácter general, y sin exclusivismos, asimismo por parte del alumnado, desde la única perspectiva de los derechos fundamentales que se dicen vulnerados, que es la que aquí nos corresponde examinar, pues aquel carácter general permite la modulación en casos concretos. En este punto conviene destacar la relación de sujeción especial con la que están vinculados los alumnos, tal como destacó la sentencia del Tribunal Supremo de 17 de abril de 1996 (TSXG, Sentenza 1084/2007).
O galego pode, polo tanto, ser legalmente o centro de gravidade do ensino. E debe selo para compensar unha situación histórica de desigualdade verbo do castelán. Esta é a doutrina do Tribunal Constitucional.
Que a inmersión non é mala demóstrano as propias Bases, cando caladamente a introducen, para o estudo dun 33% das materias en lingua estranxeira, xa que nas epígrafes 4.2. e 4.3. non esixen expresamente unha proba previa de comprensión desa lingua, co que poderían participar alumnos que non a coñezan abondo con tal que estean dispostos a mergullarse nela se así o piden os proxenitores deles. Máis aínda, como se dirá no punto 10., nese caso estas Bases non permiten que o alumno se dirixa ao profesor noutra lingua que non sexa esa lingua estranxeira. Se a inmersión de nenos galegos nunha lingua estranxeira non é nociva, tampouco debería selo a inmersión no galego. Esta Real Academia recomenda suprimir das Bases esa alusión altivamente negativa á inmersión lingüística; e recomenda asumir, pola contra, que este método didáctico pode ser eficaz na aprendizaxe de calquera lingua.
5.3. Derrogar un Decreto anterior entra nas competencias ordinarias dun Goberno pero deberá recoñecerse que a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 21.11.2007 validou contidos esenciais do Decreto 124/2007 e só reprobou algúns aspectos de procedemento. Estas Bases, en cambio, con estas consultas previas, poden estar salvando aspectos de procedemento; pero na súa redacción coñecida conteñen graves chatas legais e didácticas, como se dirá.
6. A consulta vinculante aos pais. O ensino ten encomendadas, entre outras funcións, a adquisición das dúas linguas oficiais pero tamén a de asegurar o respecto e fomentar o uso da lingua propia da Comunidade Autónoma, para corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade respecto do castelán e para difundir o coñecemento e uso desa lingua. É doutrina, como se dixo, do Tribunal Constitucional. O establecemento da lingua en que se vai ensinar é crucial nun territorio bilingüe. Cómpre, logo, ver qué parámetros manda usar na planificación o Decreto vixente (124/2007); e cales, as Bases que pretenden substituílo.
6 Fallamos que debemos desestimar y desestimamos el recurso contencioso administrativo interpuesto, en este procedimiento especial de protección de derechos fundamentales... contra los artículos 2 y 13 del Decreto 124/2007, de 28 de junio (Sentenza TSXG 1084/2007). 4
Decreto 124/2007
Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo
7.2. A lingua materna predominante será determinada polo claustro, de acordo cos criterios establecidos no proxecto lingüístico. Para o establecemento da lingua materna deberán terse en conta, entre outros, os datos achegados polo mapa sociolingüístico de Galicia, os datos estatísticos oficiais e a información achegada polos pais e nais
3.2. A lingua materna predominante será determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán durante o proceso de preinscrición
Mentres o Decreto vixente manda analizar o Mapa Sociolingüístico, datos estatísticos da contorna e a información dos pais; nas Bases o decisivo é a opinión dos pais. Esta innovación que pretenden establecer as Bases ten sorprendida unha parte importante da sociedade galega. Así que cómpre preguntar: ¿recoñece a Constitución o dereito a que os pais elixan a lingua do ensino?
6.1. O Tribunal Constitucional nega inequivocamente que os pais teñan dereito a elixir a lingua do ensino:
en la Sentencia del TC 195/1989 7se declaró que «ninguno de los múltiples apartados del art. 27 de la Constitución Española -ni el primero, al reconocer el derecho de todos a la educación, ni el segundo o el séptimo, en los que aparecen claramente mencionados los padres de los alumnos (...)- incluye, como parte o elemento del derecho constitucionalmente garantizado, el derecho de los padres a que sus hijos reciban educación en la lengua de preferencia de sus progenitores en el Centro docente público de su elección» (sentenza TC 337/1994; fund. xur. 9A).
Négao, porque a responsabilidade da planificación lingüística é dos Poderes Públicos, que están obrigados a restauraren a igualdade. O único ámbito no que a Constitución recoñece aos pais o dereito a interviren na educación é en asuntos relativos á relixión ou á moral (art. 27.3.). E unha recente sentenza 1098/2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia denegou a un pai o dereito a que o seu fillo fose escolarizado en Galicia só en castelán 8. O reclamante chegou ao Tribunal Supremo que non admitiu o recurso de casación interposto, lembrando a xurisprudencia constitucional e a do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, no sentido de que:
…si se reconocieran a toda persona dependiente de la jurisdicción de un Estado el derecho a ser instruido en la lengua de su elección, conduciría a resultados absurdos, ya que todos podrían así reivindicar una instrucción impartida en cualquier lengua, en cualquiera de los territorios” [ademais de que] “la discriminación se produciría precisamente en el caso de que la Administración autorizase lo pretendido por el recurrente, en el sentido de permitir que, a criterio del peticionario, se pudiera cursar un determinado tipo de estudio con olvido o marginación de una las lenguas concurrentes. (Sentenza de 21.10.2009 do Tribunal Supremo).
A Constitución Española non só non lles recoñece aos pais o dereito a elixiren a lingua do ensino senón que, pola contra, como se viu no punto 3., admite, coa mesma condición, que o centro de gravidade do ensino estea na lingua cooficial local para corrixir desequilibrios históricos. Sendo isto así, a consulta vinculante aos pais sería un acto contrario á lexislación realizado por unha Administración, que, pola contra, está obrigada a protexer a lingua propia de Galicia, para corregir positivamente una situación histórica de desigualdad respecto al castellano (TC).
7 Sentenza TC 195/1989, fundamento xurídico 3.º
8 (…) el artículo 3 de la CE, como ya declaró la sentencia de esta Sala de 17 de abril de 1996, no es expresión de ningún derecho fundamental, pues sólo lo son los recogidos en los artículos 14 a 28 inclusive de la CE, de modo que la pretendida tutela del derecho del uso del castellano no es materia que concierna a los derechos fundamentales, ni que, de por sí, y aisladamente considerado, sea susceptible de constituir el objeto del especial proceso dedicado a la tutela de los mismos (STXG 1098/2007).
5
Polo tanto, se a promesa feita na precedente campaña electoral non era constitucional, agora tampouco pode invocarse unha vitoria nas urnas para validar o que segue sen ser constitucional. Na discrepancia con estas Bases non está en xogo o respecto a unha vitoria electoral.
6.2. Cando o Tribunal Constitucional nega que os pais teñan dereito a escoller a lingua do ensino, non está atacando os valores democráticos. Son moitas as cousas verbo das cales os pais tamén terían opinión, e unha opinión menos condicionada, pero que a racionalidade encomenda á xestión pública: o excesivo número de materias, o carácter verdadeiramente enciclopédico de todos os libros de texto e o prezo deles, os exames non orais, o número de alumnos nas clases de idiomas, o cumprimento de principios didácticos como motivación, gradualidade, individualización e socialización, sen os que o fracaso escolar é seguro. Que non se pregunte aos proxenitores sobre a organización interna dos Centros non é unha mostra de pouco espírito democrático senón evidencia de que, en introducindo tantos intereses particulares, calquera entidade deixa de ser gobernable9.
6.3. A intervención directa dos pais na dinámica lingüística da aula, que pretenden estas Bases, enfrontaría ademais os Centros a outros problemas prácticos.
6.3.1. Dado que nos niveis superiores a opción lingüística ten unha vixencia de catro anos, habería pais que impedirían a liberdade de elección dos pais dos tres cursos seguintes e seguirían decidindo o funcionamento do Centro mesmo cando os seus fillos xa estivesen rematando o grao universitario. É imposible entender en qué dereito asentaría que un pai puidese tomar decisións por outros pais e previsiblemente en certos casos contra a lingua familiar desoutros pais.
6.3.2. É ben sabido que, aínda que a lexislación preceptúa niveis de galeguización do ensino, en moitos Centros non se acadaron os mínimos. Os sucesivos Gobernos galegos non acadarían os resultados que lles marca a lexislación, de non existir nos claustros un voluntariado que leva anos formándose en pedagoxía, renovando os seus métodos, buscando descubrir dende a realidade galega do alumno a realidade do mundo enteiro e creando materiais didácticos novos. Unha parte importante destes artífices da renovación didáctica de Galicia ensina en galego. E son eles os que, case sempre, equilibran as baixas porcentaxes de presenza do galego no ensino, esas estatísticas que o Estado Español debe presentar ao exame do Consello de Europa que cada tres anos controla o cumprimento da Carta Europea das Linguas. Ben, pois a intervención vinculante dos pais podería resultar desalentadora para este voluntariado e faría moito máis tensa a vida dos Centros.
Ende ben, esta enquisa vinculante non é legal, así que esta Academia entende que este problema non chegará a producirse.
A cuestión da lingua predominante é algo que o profesor resolveu sempre con sentido común, de maneira informal e con afecto aos alumnos. Pero xa hai anos que a lexislación prescribe formas de establecela. Véxase como o resolven o Decreto vixente e as Bases:
9 E esta novidosa preocupación por facer vinculante a opinión dos pais non ten correlato na Administración, que nunca permite decidir na organización interna dos aeroportos ou hospitais, na planificación urbanística, na realización de encoros, no trazado das vías de comunicación, no salario mínimo etc. 6

Artigo 7º .-Educación infantil
1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado.
Artigo 3º .-Educación infantil.
1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. Garantirase que se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante na aula.
7.1. As Bases eliminan a protección do galego en contornas urbanas, ámbito no que a necesidade de protección é notoriamente máis intensa. Nisto incumpren o espírito da lei que, en palabras do Tribunal Constitucional, é corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade fronte ao castelán.
Ora ben, aparecerían problemas prácticos. Como os resultados da enquisa teoricamente poden dar cifras de 49% e 51% a favor de cada unha das dúas linguas, ata pasar os exames de setembro e cerrar as matrículas non se sabería cal é a lingua predominante das aulas todas; quere dicir que ata a segunda semana de setembro non sería posible establecer a lingua de todos os libros de texto, distribuír todo o profesorado, facer as programacións didácticas e cerrar a planificación do curso. Isto afecta tamén a planificación e distribución editorial e a contratación de profesorado, que non parece asunto menor. Pero, se na semana seguinte chegase un alumno trasladado a unha aula que estivese na proporción 49%-51%, podería obrigar a reaxustar o proceso todo.
7.2. Non é o mesmo marcar as materias por linguas ca marcar os alumnos por linguas. Xogan aquí, maiormente nos niveis iniciais do ensino, delicadas teclas psicolóxicas e pedagóxicas. No contexto sociolingüístico de Galicia marcar os meniños de infantil e primaria por linguas resultaría antieducativo: en todas as aulas habería un grupiño de perdedores que se sentirían humillados e estariamos afastándonos aínda máis da convivencia lingüística. Aínda que o galego é a lingua maioritaria de Galicia (por tanto predominante), é moi desigual a oferta de galego e castelán nos medios de comunicación, na universidade, nas empresas, nas notarías, na igrexa, no comercio, en todo canto constrúe a mentalidade social. Isto provoca que moitos galegofalantes oculten a lingua nos momentos decisivos. Quere dicir que a lingua predominante convértese, por ocultación, en minoritaria; e viceversa. Precisamente un dos grandes obxectivos do Plan Xeral de Normalización é facer visible a lingua ocultada10. É
10 O PXNL de Galicia non debe pretender, en consecuencia –e é ben reiteralo expresamente–, tirarlle a súa lingua castelá a ningún cidadán, xa que o castelán, ademais de ser lingua oficial, resulta un factor de comunicación imprescindible. O PNL debe aspirar a que a lingua galega saia da súa ocultación, emerxa, xurda plena e ben visible. Só con que se faga visible alí onde hoxe está agochada, a súa presenza social vaise multiplicar tanto, que o propio proceso envolverá sectores hoxe reacios, como a mocidade urbana. Non se busca que o castelán deixe de estar presente, senón que o galego deixe de estar ausente; ninguén pretende dificultar a vida de quen en Galicia fale castelán, senón só protexer a quen fala galego, estimular a que o falen cantos o saben falar e cantos outros queiran aprendelo [...] O galego debe facerse visible alí onde diversos mecanismos e rutinas forzan a ocultalo. Lonxe de toda tentación de egocentrismo ou xenofobia, un plan de normalización lingüística ten que ser realista, democrático e integrador (PXNL, Presentación; 11-12). 7
seguro que moitos pais galegofalantes, antes de manifestaren a súa lingua, observarían qué é o que di a maioría e tratarían de que o seu fillo quedase incorporado a unha maioría cómoda. Porque, aínda que as Bases din que se garantirá a atención individualizada ao outro grupo (que, como se dixo, pode ser o 49%), non din qué se fai cos alumnos de lingua non predominante, non din se iso o ha de facer o mesmo profesor ou outro; se o ha de facer na mesma aula ou noutra. Non é doado aclaralo, porque a Lei de Normalización (13.3.) exclúe a segregación por aulas, pero xa se oíron declaracións falando dunha segregación light, coma se un Decreto puidese modificar unha Lei. E, se a cuestión da lingua predominante marca e divide os meniños por lingua, xa non é que quede en afirmación retórica a atención aos alumnos de lingua non predominante, previsiblemente sempre galega: é que aí o sistema crea un grave problema. Sexa o galego ou sexa o castelán a lingua que resulte non predominante, a marca parece impropia dunha pedagoxía humanista. É contrario ao ensino constitucional permitir que os pais entren nas aulas para marcar os alumnos por lingua.
7.3. Cada alumno é un mundo. Nin dous irmáns xemelgos son iguais. Cada alumno trae á aula un contorno familiar diferente, tan diferente que a desigualdade de mentalidades, de obxectivos vitais, de niveis económicos, de experiencias vividas é moito máis significativa cá simple diferenza de capacidade intelectual. Para un bo profesor iso non é novo, porque o ensino debe ser capaz de penetrar no caso único que é cada alumno para entrar no seu particular estado da cuestión; e cos vimbios que ten (non cos que se lle supoñen) empezar a tecer. Para un verdadeiro pedagogo non hai programas: hai alumnos. A individualización do traballo pedagóxico é un dos catro principios básicos desta ciencia e por iso fai que esta profesión sexa terapéutica e sagrada. Pero outro deses catro principios é a socialización: o alumno debe aprender a vivir en grupo, a traballar en grupo, a progresar en grupo; debe estimular e estimularse cos progresos dos seus pares. ¿Como facelo, se o meniño se ve apartado dos que lles gustaría ser amigo polo feito de que fala unha lingua que el se cadra xa intúe que é socialmente inferior? ¿Pensou o lexislador que con toda probabilidade a lingua non predominante vai ser sempre a galega, porque o é (en parte do mundo urbano) ou porque os pais preferirán aforrarlle á súa criatura o sufrimento de verse apartada do grupo?
7.4. E, de facer a consulta, aquel mandato legal obriga a que a formulación sexa tan fina que impida que o pai en ningún caso poida dar unha resposta condicionada pola debilidade da lingua que, precisamente, hai que protexer. ¿Cal é a lingua materna, cando os pais sempre falan galego pero os fillos falan castelán, por botaren horas ante un televisor en castelán mentres os pais están no traballo? ¿Vale como lingua materna aquela que os pais realmente falan ou vale aquela que se vexan forzados a considerar máis importante para o seu fillo? ¿Como se desambigua isto? ¿Que lingua marcarán os pais bilingües, se só lle deren a escoller unha? Non é doado encontrar unha fórmula que non condicione a resposta pero unha enquisa oficial e legal nunca debe formular preguntas de resposta condicionada.
7.5. É positivo que na epígrafe 3.3. das Bases (e posiblemente tamén na 5.) se estableza que, en calquera caso, o alumnado adquirirá de forma oral e escrita o coñecemento da lingua oficial non predominante; pero é dubidoso que isto se poida levar a cabo, se no nivel infantil se fixan as diferenzas familiares de partida, imposibilitando o equilibrio nos niveis superiores. Se dende o comezo da educación non se garante o coñecemento e, sobre todo, a actitude positiva ante a outra lingua, estaríase impedindo a posterior liberdade de elección que tanto se invoca. Non é a fría lei, senón o afecto, o que pode impulsar un meniño a aprender unha segunda lingua; pero estas Bases, deficitarias de rigor legal, saíron, sobre todo, deficitarias de afecto á lingua galega: parece que naceron para coutarlle o territorio.
La Administración educativa no puede abdicar de la obligación que en el Estatuto se le impone de pretender normalizar el uso del gallego dentro de su esfera de competencias pues en su art. 5 define el gallego como lengua propia de Galicia (Sentenza 1084/2007 do TSXG).
Resumindo, a consulta vinculante aos pais, ademais de carecer de base legal, viría crear máis problemas cós que pretende resolver. Son as dúas razóns as que aconsellan suprimila.
8
8. A cuestión das linguas estranxeiras. Efectivamente o plurilingüismo é un vello obxectivo de toda a sociedade, precisamente porque é unha carencia. Hai un vello dito latino Tot linguas calles, tot homines vales “Tantas linguas comprendes, tantos homes vales”. As linguas son multiplicadores da propia competencia: unha persoa con tres idiomas multiplica por tres as súas posibilidades de traballo. É certo que hoxe os pais ricos mandan os seus fillos ao Reino Unido a mergullarse no inglés e que os pais proletarios non sempre o poden facer e que a inmersión a domicilio que propón este proxecto de decreto igualaría neste punto as diferentes clases sociais. É tamén certo que recibir clase dalgunha materia nun idioma estranxeiro multiplica a fluidez expresiva nese idioma. Apláudese o obxectivo porque ata aí todo é correcto.
O que non parece correcto é que se presente este proxecto do plurilingüismo como unha novidade que vai chegar agora en compensación do sacrificio de reducirmos a presenza do galego coa aprobación destas Bases. Non está no texto das Bases pero está na música que o acompaña: os galegos disque temos que sacrificar a nosa lingua local para sermos universais. Esta é unha vella leria, que moitas veces vén de persoas non precisamente políglotas.
A realidade é que o fomento do plurilingüismo xa está preceptuado polo Decreto que se quere derrogar (artigo 14.1.b. e D.A. 3ª); e, segundo informou no seu día a Consellería de Educación, no curso 2008-2009 houbo un programa de 200 horas de formación para 160 profesores de lingua estranxeira ou de seccións bilingües; 44.000 escolares de 3-5 anos tiveron unha hora á semana a máis de aproximación á primeira lingua estranxeira; en 184 Centros houbo 627 grupos con ensino dalgunha materia en lingua estranxeira (chamadas seccións bilingües) e en 37 Centros houbo 108 grupos de aprendizaxe complementaria dunha lingua estranxeira fóra do horario escolar; e 2.500 rapaces e rapazas foron tres semanas a Francia, Inglaterra, Irlanda, Estados Unidos ou Canadá; aos que hai que sumar outros 1000 máis en intercambios. Ende mal, o portugués non figura na lista de linguas estranxeiras a aprender, sendo que ninguén está mellor situado có alumnado galego para aprendelo.
Non é coa aprobación das Bases cando vai empeza-lo plurilingüismo no ensino galego. A mensaxe de que debemos ser modernos, reducir a presenza do galego para que entren as linguas estranxeiras na nosa mocidade é capciosa: elas xa están aquí. O Goberno debe lembrar que algunha destas iniciativas empezou a agromar mesmo antes de 2005. O nivel de idiomas da nosa mocidade non é o desexable pero o déficit xa non é o de hai trinta anos. Precísanse medios económicos para máis intercambios, medios técnicos para unha aprendizaxe esencialmente oral e personalizada e menos alumnos para cada profesor. Pero nin se precisa poñer a lingua estranxeira ao nivel dunha lingua oficial, nin reduci-la presenza do galego a un 33%, nin, menos aínda, facer circular a idea de que hai que deixa-lo galego para aprender idiomas importantes. Esta Academia observa que as Bases nestas clases en linguas estranxeiras non permiten que o alumno poida falar na lingua que queira: velaí a proba de que, cando se quere conseguir a competencia expresiva, o alumno debe falar a lingua na que se explica. Resumindo, plurilingüismo, si; pero non así.
9. A garantía da competencia lingüística na fin dos ciclos (9.5.) reproduce o que estipula o art. 14.3. da Lei de Normalización Lingüística. Este punto é un dos máis interesantes e positivos do proxecto de Decreto. Realmente, a efectos lingüísticos, non importarían tanto os percorridos, se na fin do ensino obrigatorio tivermos alumnos perfectamente competentes en tres linguas. O problema está na indefinición de como se vai comprobar esa competencia, que deberá ser tanto oral coma escrita, cal é o nivel mínimo esixido para cada ciclo e qué acontecería no caso de que un alumno non acadase esa plena competencia nunha das tres linguas. Este asunto é crucial, porque un alumno non é competente nunha lingua ata que sabe desenvolverse, sobre todo oralmente, en situacións formais e informais e nisto hai xa niveis internacionalmente homologados. Este punto na redacción actual está moi borroso, precisa concreción pero é a mellor proposta destas Bases.
10. A libre elección de lingua por parte do alumnado. Este, en cambio, é un dos aspectos máis estraños do proxecto. O profesor estaría obrigado a ensinar na lingua que decidan os
9
pais pero o alumno non estaría obrigado a falar na lingua na que explique o profesor; é dicir, mesmo en desacordo cos pais del. Cómpre lembrar que este asunto foi ditaminado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 1084/2007, que considerou legal o art. 13 do Decreto vixente que di:
Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita (Decreto 124/2007; 13.1).
As Bases deciden ignorar esta sentenza vinculante e agora propoñen outra redacción:
En todas as áreas, materias ou módulos impartidos en galego ou en castelán o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia (Bases 7.3.).
É dicir, perdida por un particular a batalla xudicial de negarse a responder en galego nas materias impartidas en galego, o Goberno pretende decretar explicitamente o contrario, sabendo que nese punto o Decreto anterior era legal. É difícil comprender este interese en favorecer que os alumnos usen na aula unha lingua diferente á que usa o profesor. Como modelo didáctico resulta estraño.
Unha cousa é que o profesorado habitualmente non faga cuestión de que lle respondan noutra lingua oficial; e outra é que se estableza legalmente que esa pode ser a conduta constante de todo o alumnado. ¿Beneficia iso a adquisición de competencia activa nas dúas linguas? ¿Garante que non se usará como forma legal de desprezo do galego? Non parece claro que exista o dereito ao descoñecemento dalgunha lingua cooficial, porque o dereito á educación non comprende a facultade de exclusión de ningunha delas, e o poder público ten o deber de asegurar que si se coñecen (STC 87/1983 e 88/1983).
É unha norma de intención estraña, maiormente porque o idioma estranxeiro queda a salvo desta discrecionalidade: o artigo 7.3. di que isto afecta aos módulos impartidos en galego ou castelán pero non menta as linguas estranxeiras: de onde parece deducirse que nas materias explicadas nunha lingua estranxeira o alumno, si, estará obrigado a utilizar esa lingua en todas as súas manifestacións orais e escritas; e nese caso, como se dixo atrás, a lingua estranxeira tería un tratamento preferente ao que reciben as linguas oficiais.
Parece máis pedagóxico que o alumnado utilice a lingua establecida para esa materia, que para iso se estableceu: iso facilita a adquisición da competencia lingüística que se garante en 9.5. e tamén a boa crianza nas relacións humanas. Parecería mesmo coherente coa norma 2.2. das Bases, que esixe que as programacións das materias lingüísticas (galego, castelán, lingua estranxeira) se remitan á Inspección na lingua respectiva.
11. A elaboración de materiais curriculares. Obsérvase aquí o novidoso compromiso da Administración de promover a edición de libros de texto en polo menos catro linguas.

13.2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos aos que se refire o parágrafo anterior [as materias explicadas en galego] estarán escritos, con carácter xeral, en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fomentarán a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.
8.1. Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán na lingua en que se imparta a materia. A Administración promoverá a elaboración de materiais na outra lingua oficial e en lingua(s) estranxeira(s)
8.2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos sinalados no parágrafo anterior terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a Consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes. 10
A escolla de lingua por parte dos pais, que propoñen as Bases, implicaría que, para setembro do 2010, debería haber no mercado todos eses textos en galego e en castelán (e dispoñibilidade en varias linguas estranxeiras pero en cantidades moi diferentes). Non parece posible para o vindeiro setembro dispoñer de tamaña oferta editorial. Esa oferta de multi-opción é de dubidosa viabilidade.
12. A exención de galego. É conforme a dereito que durante un ano ou dous alumnos foráneos estean exentos de cualificación en lingua galega e nunha cooficialidade simétrica os alumnos estranxeiros deberían eximirse igualmente do exame de lingua castelá. Sinálase só o feito de que dos dous anos do Decreto vixente, vólvese aos tres nas Bases.
13. Canto á lingua da administración educativa o Decreto vixente di que en todo se utilizará con carácter xeral a lingua galega... sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do persoal docente. As Bases, en cambio, din que se promoverá a utilización da lingua galega ou que se fomentará o seu uso. Eses pequenos cambios léxicos non buscan precisamente fomentar o uso do galego. A novidade é (2.2.) que as programacións das materias lingüísticas se redactarán con carácter xeral na lingua respectiva.
14. Canto ao resto, esta Real Academia Galega reitera integramente a declaración institucional emitida o 17 de maio de 2009.
15. CONCLUSIÓNS FINAIS
15.1. É certo que o actual goberno levou no seu programa electoral a derrogación do Decreto 124/2007 pero nestas Bases non só non se xustifica suficientemente a necesidade xurídica nin pedagóxica de tal derrogación senón que os puntos fortes do proxecto de Decreto parecen de legalidade dubidosa; outros artigos introducirían nos Centros malestar, sufrimento ou desorde e iso é o contrario do que debe perseguir calquera ordenamento xurídico; outros son tan dificilmente aplicables que previsiblemente impedirían iniciar a implantación deste Decreto en setembro de 2010; e o 33% de linguas estranxeiras precisará quizais varias lexislaturas. O camiño debe ser outro. A Real Academia Galega xa pediu no 2002 unha actualización da Lei de Normalización Lingüística para axeitala ás realidades novas nas que hoxe vive a lingua e para incorporarlle a doutrina do Tribunal Constitucional posterior a 1983 e mailos compromisos asinados por España na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias11. Estas Bases póñenlle ao galego un límite no 33%: iso non é o centro de gravidade nin corrixe a histórica desigualdade co castelán de que fala a Tribunal Constitucional. Polo tanto non procede darlles o Prace desta Academia.
15.2. A Academia aproba, en cambio, que, sendo Bases, se abra un diálogo franco con vontade de concordia definitiva, porque a sociedade está cansa da duración das discordias lingüísticas e de que toda melloría do enfermo pareza perigosa. Tódalas forzas políticas deberían facer un esforzo de pacificación e construír un diálogo sobre bases que garantan a plena normalización do galego e a plena competencia oral e escrita ao final de cada ciclo nas dúas (ou tres) linguas. É cuestión de vontade política. ¿Sobre qué bases concordar? Cando se perden de vista dúas persoas que camiñaban xuntas, o mellor é sempre volver ao último punto no que estiveron xuntas. Se se di que o Decreto vixente rompeu o consenso, vólvase ao último punto no que houbo concordia: a tarde do 21.9.2004 na aprobación unánime do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Non hai razón para ir máis atrás, porque sería renegar daquel día e daquel histórico consenso.
15.3. Para este consenso, ende ben, Galicia ten unha base moi ampla no feito de que aquí ninguén está a pensar en prescindir do castelán. Aínda que a historia da implantación do castelán en Galicia teña páxinas amargas, quen fala galego percibe o castelán como un valor engadido e non ve problema ningún en que haxa familias que o teñen como lingua materna e viceversa. Iso non causa disenso na rúa12. Do que se trata é de impedir a
11 Por certo, o citado ditame 366/2007 do Consello Consultivo de Galicia faille ao Goberno Galego observacións coincidentes na súa longa Consideración Cuarta.
12 Unha das cousas máis características da Galicia cordial é a existencia de infinitas conversas bilingües nas que un interlocutor fala o galego e o outro o castelán, sendo ambos falantes pasivos sen problema.
11
suplantación definitiva. Trátase de que a lingua galega experimente a recuperación que gañou no uso milenario, no labor cultural e nos Parlamentos. Moita xente e moi heteroxénea percibe que este perigo existe porque, dende hai un ano, vén recibindo mensaxes de que o galego na súa recuperación sobrepasou os seus lindeiros e ten que recuar: iso toca unha fibra sensible e mobiliza masas. É posible que esa non sexa a intención dos mensaxeiros pero indiscutiblemente emitíronse mensaxes nesa dirección e estas Bases, propoñendo pasar de polo menos un 50% a un 33%, confirman aquel temor. Moitos falantes que nada teñen que ver con organización ningunha, pero que aman a lingua galega, levan xa un ano asistindo a este episodio de tensión crecente coa mesma tristura con que asisten a un incendio forestal que avanza incontrolado sen que dean chegado os bombeiros. A tensión lingüística é unha crise de medrío, coma as dos nenos, pero pode non ser inocua para a convivencia que todos buscamos e o Goberno Galego debe tomar a iniciativa da pacificación. Máis urxente cá aprobación destas Bases é realizar xestos que rebaixen a tensión e que chamen ao consenso: un consenso sincero e estable para o que esta Academia suxire como peñor a posta en marcha da Oferta positiva, a Oferta Informativa e a Cortesía que o Plan Xeral deseñou somo símbolo do novo clima que propón para as relacións lingüísticas en Galicia (PXNL. Presentación; 2313).
15.4. A lingua galega ten puntos débiles pero tamén ten puntos fortes. Un destes puntos fortes é que se percibe como a lingua propia de Galicia, como un elemento de identidade colectiva. Galicia entende que é precisamente a lingua (e a cultura ou visión do mundo ou maneira de ser que ten detrás) a que xustifica a autonomía; entende que estradas, hospitais e televisións tamén se poden planificar e xestionar dende Madrid; pero que aquí hai algo moi específico que fai máis racional unha xestión autónoma en conexión con Madrid e con Bruxelas e coa ONU. Esta conciencia de que a Xunta de Galicia se sustenta neste feito diferencial ten dúas consecuencias: primeira, que a Xunta de Galicia non ostenta en Galicia por delegación un poder foráneo, senón que é un Goberno galego; e, segunda, que os galegos esperan que o seu Goberno sexa o primeiro e inequívoco defensor da lingua galega. Por iso se asombra e mobiliza cando percibe xestos que, polo menos, parecen ir en dirección contraria.
15.5. Cómpre reiterar unha vez máis que sería erróneo encerrar todos os problemas da lingua no ámbito reducido do ensino, e, aínda máis, do ensino non universitario. A realidade vital da lingua galega non só é multisectorial; en realidade é circular: as opinións paternas e maternas sobre a mellor lingua para os fillos dependen do comportamento lingüístico que eles observan na universidade, na empresa, no comercio, nas notarías, na igrexa, nos cines, nos medios de comunicación etc.; e todos estes sectores realiméntanse das opinións que observan nos proxenitores. Por esa razón o Plan de Normalización é Xeral, multisectorial. Na reactivación do Plan Xeral e na transversalidade da Política Lingüística, que hoxe parece reducida, está o futuro da pacificación lingüística.
---
13 Modernidade e cortesía son os elementos básicos do novo clima que o PNL propón para as relacións lingüísticas en Galicia. E estes dous elementos concrétanse nun xesto que debe empezar a marcar o estilo destas relacións: a Oferta positiva, a Oferta informativa e mais a Cortesía.
Oferta positiva. Consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración ou a empresa, e o cidadán ou o cliente. Fronte ao hoxe habitual (co descoñecido en castelán), quen atende o cliente ou o cidadán inicia o contacto en lingua galega e mantense nela mentres o interlocutor non amose indicios de que prefire comunicarse noutra lingua. A Oferta positiva desinhibe o galego do interlocutor, permítelle saír da ocultación, facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o cidadán ou o cliente o desexa, e elimina de raíz a barreira rutineira pola que un cliente ou un cidadán lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder (administrativo ou comercial) ou autoridade. No caso de relacións administrativas, implica que todo tipo de formularios, instancias e documentación que teña que cubrir o demandante dun servizo se lle ofrezan de partida en galego.
Oferta informativa. Consiste en informar da validez, legalidade e mesmo conveniencia de redactar en galego un documento, no momento de iniciar calquera trámite oficial ou comercial. É a forma que adopta a Oferta positiva no caso dos notarios, avogados e procuradores e de calquera persoa representante dun poder público. É un dos obxectivos básicos deste PNL.
Cortesía. Tanto a Oferta positiva coma a Oferta informativa son fundamentais para quen actúe no nome da Administración e sería de desexar que se estendese no mundo comercial máis formalizado, como expresión de cortesía co cidadán ou co cliente e do respecto que este merece.
12
Estamos lonxe dunha cooficialidade simétrica entre galego e castelán. Pero estaremos aínda por baixo do que concede a Constitución, mentres a lingua galega non sexa o centro de gravidade do modelo bilingüe e estea asegurado o respecto e fomento do uso da lingua propia e cooficial desta Comunidade Autónoma para corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade co castelán. O obxectivo de reducir o galego ao 33% do uso escolar non parece ir na dirección que sinala o Tribunal Constitucional. Coma noutras ocasións, Galicia está perdendo un tempo histórico e esta perda a ninguén beneficia e a todos empobrece. A Real Academia Galega peta na porta do Goberno e do Parlamento de Galicia, lugar natural das grandes concordias sociais, para que busquen e tezan con arte e xenerosidade un consenso unánime e definitivo sobre a lingua, sinal de identidade que xustifica a existencia da nosa autonomía. Somos unha comunidade aberta e respectuosa pero debemos saber que sen lingua galega non hai Galicia. É necesario un consenso sobre o respecto dos dereitos que a todos os cidadáns concede a lei, falemos a lingua que falemos, sobre o compromiso de liberar a lingua galega das pexas que a constrinxen; e de retirala para sempre da confrontación política. A lingua é de todos e por iso a concordia é posible. É desexable. É necesaria.