jueves, 16 de febrero de 2012

CRISE DO NACIONALISMO ou NACIONALISTAS EN CRISE?


A crise do nacionalismo.



O balbordo mediático, a intoxicación e a confusión deliberadas teñen poder para facer dano de momento, pero non o teñen para aniquilar unha traxectoria política

 


Francisco Rodríguez Sánchez.

 


A crise que está a vivir o nacionalismo galego, tendo concomitancias coas que sufriu noutros momentos da súa historia no século XX, presenta algunhas diferenzas cualitativas. Para podermos comprendela, á marxe de caricaturas, prexuízos e manipulacións, perfectamente orquestradas polas direccións dalgúns medios de comunicación, ao servizo de intereses nas antípodas do nacionalismo galego, cómpre termos presente o contexto no que acaba por estourar: unha grave crise do sistema capitalista e dos aparatos institucionais e políticos que o amparan, a Unión Europea e o Estado Español, empeñados en procurar unha saída contraria ás maiorías sociais, reforzando o seu carácter antidemocrático, antinacional, represivo e imperialista, acorde coa globalización e coa conseguinte eliminación da capacidade dos pobos decidiren libremente o seu futuro. Pode parecer ilóxico que, xustamente cando a realidade é máis clara, se produzan discrepancias sobre a función e os obxectivos do nacionalismo galego. Porén esta aparente contradición resulta explicábel. A experiencia demostra que, en todas as circunstancias críticas, sempre se produce unha tensión entre a tendencia a acomodar o discurso e a práctica a un sistema que se considera invencíbel e a tendencia a clarificar e asumir o papel que dá razón de ser. Velaquí o quid do conflito que o nacionalismo galego está a vivir. Alén de ser inevitábel, esta tensión é perigosa por canto no primeiro caso pode conducir simplemente a unha homologación ou asimilación que prive o nacionalismo de función, e no segundo a un ideoloxismo ineficaz socialmente. A raíz da confrontación foi, pois, profundamente ideolóxica e política. Non hai máis que ler os relatorios que cada corrente elaborou para definir as posicións que pretendían, após o debate colectivo necesario, converteren no documento-guía da acción política durante os tres próximos anos. Natural e lexítimo.

Certamente esta é a fin dun proceso que se iniciou xa hai máis de dez anos, a comezos do século XXI, con máis indecisión e incerteza. Algúns resultados electorais axudaron a impulsalo e a reacción perante outros evidenciou que se desexaba e traballaba desde dentro, irresponsabelmente, a prol do desastre, por exemplo, ficar sen presenza no Congreso dos Deputados, para reforzar as propias posicións. O que xa estaba en xerme medrou cando a sociedade está máis confusa, escéptica, desmoralizada e desconfiada, e mesmo cando aínda hai sectores que seguen sen asimilar a perda do Goberno na Xunta. Paradoxalmente, quen se acolleu á bandeira de enganche da rexeneración da fronte, tiña desatado antes unha continua oposición nos medios contra o empeño de restaurar o perfil do BNG, a través de actuacións institucionais e sociais coherentes e audaces, como forza de oposición aos gobernos español e galego. O obxectivo foi desacreditar a organización e producir unha sensación de desunión, caos e inoperancia, que non se correspondía coa situación interna real. Porén, para un observador imparcial, era rechamante como se podía reaccionar con tanta virulencia contra unha liña de actuación que se inspiraba nos principios fundacionais do BNG e no acervo das súas análises e alternativas políticas xenuínas. Como resultaba inaudito escoitar apelacións á democracia por parte de quen tiña como norma violar ostentosamente todos os acordos ou decisións tomadas por maiorías amplas, cando non por unanimidade nos órganos de dirección ou nas asembleas. O nivel de desafección, ataques persoais e descualificación continuas, contra a maioría do BNG e moitos dos seus membros, foi sintomático de que non se estaba nel para construír nada, senón para derrubar e desprestixiar, naturalmente esperando o momento oportuno para intentar montar algo fóra, se non se lograba unha maioría dentro. Nas hemerotecas están as probas contundentes de que as palabras fraternidade e irmandade son, para algúns, un slogan fraudulento para agochar a súas fraquezas, e a forma máis fácil de obviar a definición política práctica cunha retórica tan teatral como efectista.

Estamos nun contexto no que cumpría a actualización e aplicación da tese tradicional do BNG sobre a Unión Europea, como espazo globalizado, no que non poden ter cabida as aspiracións a termos capacidade de decidir para defender os nosos intereses vitais, comezando polo dereito a contar cunha base produtiva propia. Cando menos lexitimidade social ten a UE, dáse o paradoxo dun sector nacionalista reaccionar con brío inusitado contra a ratificación e actualización da nosa posición tradicional. Algo similar aconteceu coa avaliación do marco autonómico, como espazo esgotado, choido para camiñarmos cara a soberanía. Por certo, un concepto que, todo un síntoma, algúns renovadores consideran periclitado ou superado, sen aclarar que restricións debe sufrir esta aspiración, nos tempos de modernidade política que predican. Escollendo este camiño de revisión, non estraña que a consideración da nación como realidade obxectiva se mire con desdén ou se queira minimizar a importancia da lingua propia como elemento vertebrador do discurso nacionalista. Tal e como está a situación, tan clara e sen ambigüidades, o tratamento destes temas debía conducir sen maiores problemas a unha asunción colectiva sen graves convulsións internas. Non foi así: a confusión ideolóxica e a pretensión de considerar Galiza unha sociedade desenvolvida, normal, como as centrais da Unión Europea, alimentan a tese de que estamos no mellor dos mundos posíbeis. Deste xeito, propónsenos, como liña a seguir, algo que, en esencia e no mellor dos casos, non disente nin contrasta coa da esquerda española, a non ser polo ámbito de actuación. Non en balde, nalgún sector dos que, desde hai tempo, incitaron ao abandono do BNG, estivo actuante sempre a posta en cuestión do principio de autoorganización, mesmo defendendo e participando en estruturas sindicais de ámbito español. Cada vez será máis aberta a súa proclama a prol da unidade do que denominan esquerda nacional, non nacionalista, que incluiría á esquerda antinacionalista ou sucursalista. Malia unha retórica oportunista velar esta intención, non deixa de aparecer sutilmente en certos discursos rexeneracionistas. Por outra banda, desde hai tempo, circula por internet, emitida desde fontes con nome e apelidos vinculados ao PP (por certo, partido que devece por ver esfarelado o BNG), a exhortación a escindirse do BNG, de non poder mudalo nunha alternativa galeguista, autonomista, europeísta e burguesa, como foi Coalición Galega. Esta si que é pertinaz vocación para inventar unha realidade inexistente, e unha alternativa nada acorde coas necesidades do país e das súas clases populares. O experimento xa foi probado con escaso éxito e falta de vontade firme na defensa dos intereses do pobo galego. Só callará, circunstanciadamente, se a dereita ou a esquerda españolas bipartitas o necesitaren...

A crise do nacionalismo galego expresa, isto é o máis preocupante, a crise ideolóxica, económica, social, política e cultural, dunha sociedade, dun pobo, nunha situación crítica. Alén de curiosas, contraditorias, xustificativas, psicoloxistas ou intoxicantes argumentacións para explicar as condutas individuais ou colectivas nunha crise de natureza política, o fundamental é evidenciar as causas desa natureza que a provocaron. A resposta ás seguintes preguntas dános a clave: Estáse ou non por combater a globalización desde unha perspectiva nacionalista? Concórdase coa tese de que a UE é o espazo global no que estamos inmersos e que, tal e como está deseñada, Galiza non ten futuro algún nela? Considérase que é compatíbel a existencia de Galiza como pobo diferenciado co o modelo económico e político que a UE e o Estado español simbolizan? É posíbel outro modelo de Unión, que respecte a soberanía dos pobos e se cimente nos dereitos e intereses das maiorías sociais, na paz e no antiimperialismo? ¿Tense claro que a a cesión de soberanía do Estado español á UE non repercute en maior capacidade de decisión do pobo galego? É posíbel superar a crise económica actual de forma favorábel ás maiorías sociais e aos pobos como o galego, se non poñemos en cuestión a actual UE, o Estado español e o modelo económico-social e político oligopólico que os sustentan? Os distintos relatorios a debate no proceso asembleario que tivo a súa culminación en Amio, contestaban este interrogatorio de forma diferente e ás veces antagónica. Recorreuse mesmo, nunha fase do proceso, a opacar con ambigüidades e indefinicións o discurso rexeneracionista. O importante era dar a batalla para desprazar a quen desenvolvía os elementos matrices do BNG, actualizados conforme ás circunstancias presentes, con claridade. Parece obvio que determinadas respostas nunha mesma dirección ás preguntas devanditas farían innecesario o nacionalismo. Non é que todas teñamos que contestalas todos coa mesma contundencia e convicción ou da mesma maneira. Todos podemos e debemos esperar tamén a definir a práctica perante os problemas concretos. Esta é a vía posíbel para a unidade. Mais non o pode ser un discurso que non privaría de razón de ser, de funcionalidade conforme á necesidade. A partir desta consideración cabe facer con igual rotundidade a de que, seguramente, o importante continúa sendo a convivencia entre os que, polo menos, estamos dispostos a escoitar a razón dos outros para enfrontarnos aos problemas que as preguntas encerran desde unha óptica galega.

A artillería mediática, durante todo o proceso asembleario, especialmente nos días inmediatamente anteriores á celebración en Amio, foi espectacular, co obxectivo de forzar a vontade da militancia en favor do rexeneracionismo, da renovación, para vencer oscomunistas e o aparato. Foi unha mestura dos métodos de propaganda da guerra fría, cos que se practican na actualidade para impor un novo dominio colonial máis eficaz, especialmente en Oriente Medio: todo vale para acabar cos obsoletos e os anticuados, coa meiga monstruosa, orixe de todos os nosos males. Venme á memoria como o Servizo de Información dos USA suxería que se denominase como Vietcong (comunistas vietnamitas) ao Fronte de Liberación Nacional de Vietnam do Sur para combater o prestixio patriótico que tiña a denominación Viet Minh, negándolle así o seu carácter plural. Alén de demonizar con insistencia a UPG, e en particular a algún dos seus membros, o obxectivo mediático obsesivo foi a eliminación da sigla que realmente obtivo a maioría democrática, Alternativa pola Unidade, da que aquel partido non é máis que unha parte menor. Así se quere intoxicar coa idea de que non existe pluralidade nin independentes, alén de resultaren cavernícola, na opción máis votada. Non me cabe a menor dúbida de que o carácter patriótico, nacionalista, democrático e antiimperialista é o máis senlleiro e definidor da Alternativa pola Unidade. Porque, contra o que os medios gustan de vender, non estivemos nunha confrontación entre comunistas e socialdemócratas. Nunca foi esta a dialéctica real no interior nin para fóra que expresou a Fronte. A dialéctica está máis ben na diferenza na forma de interpretar o problema da nación e nas alternativas para facer de Galiza un país digno e con capacidade de decisión. Está esta cuestión relacionada co modelo económico-social que se defende? Certo, pero é ela a determinante da crise ideolóxica e política que o BNG viviu. Até tal extremo que o exacto sería afirmar que os dous polos desta dialéctica están no nacionalismo antiimperialista, por unha banda, e o galeguismo europeísta, pola outra, naturalmente con todos os matices e precisións intermedios que caiban. Para os aparatos do poder, para o bipartidismo español, isto foi tamén o relevante, no fondo. Para eles Alternativa pola Unidade, a UPG en redución metonímica manipulada, ten un pecado orixinal imperdoábel: ser a responsábel do nacionalismo galego estar vertebrado, o seu patriotismo (palabra avellada, pouco moderna). De novo lémbrome de como Dean Acheson, subsecretario de Estado dos USA, retrucaba, cando se lle falaba do patriotismo de Ho Chi Minh, que nas sociedades coloniais todos os comunistas eran nacionalistas. Sexa dito, salvando todas as distancias, e desde a perspectiva de quen nunca formou parte de ningunha Internacional comunista.

O tempo aclarará aínda máis o significado e causalidade desta crise. Non me cabe a menor dúbida de que algúns dos que abandonaron se seguen defendendo o criterio de autoorganización, consoante coa defensa do dereito á existencia de Galiza como pobo con capacidade de decisión, terán moitos problemas con moitos compañeiros de viaxe nada proclives á ideoloxía nacionalista, que sempre odiaron e mesmo nunca militaron no BNG. Á inmensa maioría do BNG, que segue intacto, tócalle, dentro das diferenzas lóxicas e lexítimas, escorrentar os dous perigos aos que me referín, decorrentes da máxima tensión entre os polos confrontados, o da asimilación e o do ideoloxismo. Na mudanza desta confrontación lexítima nunha convivencia creativa e construtiva está a cuestión agora. O balbordo mediático, a intoxicación e a confusión deliberadas teñen poder para facer dano de momento, pero non o teñen para aniquilar unha traxectoria política nin para desfacer unha organización con trinta anos de experiencia e de combate ás súas costas. Como non o teñen para seguir coa insidiosa intoxicación da falta de democracia e transparencia ou da existencia dun misterioso e poderosos aparato de control. Non hai organización máis democrática nin máis transparente que o BNG. Sempre foi así, mais para os que teimaban na caricatura e no estereotipo, todo o proceso e a Asemblea de Amio deixounos coa boca aberta. Resulta difícil seguir acreditando nas propias mentiras...