domingo, 6 de septiembre de 2020

Os XANECOS, patrocinadores da orde (e da diplomacia).

El remake de Mafia se mostrará por primera vez este sábado en el PC Gaming  Show - Vandal

  Dúas advertencias: a primeira, que este relato toma razón e corpo nun acontecemento verídico, na década dos oitenta do pasado século, cando gobernaba Suárez en Madrid e Fernández Albor na Xunta de Galiza; botade vós as contas do tempo transcurrido; e a segunda, que tal como, daquela, fora pensado e posto en letra manuscrita, así volo confío: 

  "O Concello do Grove e o de Vilagarcía, e o de Sanxenxo (por só mentar algúns) son obxecto de roubos cotiáns en farmacias, en xoierías, en comercios..., e ata en bancos, diante de todo o mundo, na forza do día; onde cheirase a cartos ou a material enseguida vendible, alí alentaba a oportunidade do saqueo ou da requisa a punta de navalla ou de xiringa. O gremio de empresarios do Salnés está farto de soportar impunemente unha situación, en por si, vala a redundancia, insoportable. Autoconvocados e autoreunidos co maior dos sixilos, e nun lugar secreto, toman (por unanimidade!) unha medida radical digna dos máis grandes estrategas "que en el mundo han sido". O Presidente e mailo Secretario comarcal, de présa, de anoitecida, antes de que o galo cantase tres veces, contactan coa banda dos Xanecos, persoas honorabilísimas, de palabra, e tamén emprendedores coma eles, para sumaren esforzos na procura da solución dun grave problema que a todos, por igual, ocupa e preocupa.

  O Salnés logo rexistra unha paréntese milagrosa: os cacos e drogatas, de socate, esquecen o argot da delincuencia, locen coma curados das súas dependencias e v¡cios, e, coma arrepentidos, volven a levar unha vida decente. Un milagre! Os Xanecos, segundo se comenta por liña de baixa, teñen o don de se faceren respectar a quen se lles poña por diante; agárrante na rúa, polas boas, lévante, de paseo, a dialogar nun  monte veciño, e alí, no cume, onde o vento mira para o outro lado, convéncente: -man de santo, din os crentes beneficiarios. 

  Os Xanecos (non todos, porque non é necesario expolos a todos á luz pública, só O Pataco e O Bocas, en repesentación da súa sociedade secreta) procesionan baixo palio, avalados por dous ou tres (ou catro) prebostes, cofrades das forzas vivas do Grove, de Vilagarcía, de Sanxenxo, etc., na procura dun recoñecemento humano, social, explícito e dunha colaboración, de poder ser, en metálico ou en especie, como corresponde tratar a quen, sen teren esa obriga no seu regulamento estatutario, por patriotismo, por xenerosidade manifesta, por simpatía, expóndose moitísimo, realizan, heroicamente, un traballo eficaz, mellor que o da benemérita.

    Pero o refrán xa o di: non hai ben que cen anos dure. Esta beatitude idílica foi cousa de catro meses. A venda de tabaco de contrabando dispárase, o consumo de alcohol, de diversas substancias alucinóxenas dispárase, e, salvando miúdas diferenzas na forma, todo se dispara e mesmo empeora. O mundo do taxi vive unha etapa moi florecente, de trafego frenético a Santiago, á Coruña, a Carballo, a toda canta vila hai, ao longo da xeografía galega, por conta de xente viaxeira sen cabeza. Os cartos, é ben sabido, non teñen espiñas e compran, e adormecen conciencias. Por onde andará, por que augas navegará, arestora, a nosa "parapolicía" mercenaria dos Xanecos?

   Veño de prender o televisor. Importante noticia de última hora:  "Unha perigosísima banda de delincuentes narcotraficantes acaba de ser capturada no barrio de Coia, en Vigo. Trátase da coñecidísima banda dos XANECOS, a quen se lles decomisou, en distintos apartamentos da cidade olívica, entre outras substancias ilegais, 300 gramos de heroína, máis de medio quilo de cocaína, dous paquetes de hachis e pastillas que están sendo obxecto de estudo neste momento. Os XANECOS, segundo fontes ben informadas, pasarán a disposición xudicial, unha vez completadas tódalas declaracións e se dea por concluído o atestado. 

  A viciñanza máis consciente e combativa do Salnés, as Asociacións Antidroga da bisbarra e os partidos políticos da opisición estanse a mobilizar e a concentrar diante da Casa do Concello de Sanxenxo para lles esixir aos mandatarios (alí "casualmente reunidos", e, segundo eles din, por motivos ben distintos) as responsabilidades pertinentes. Ao meu carón, un exaltado vén de promover, desde fóra das institucións, mocións de censura a eito e as bandeiras locais (e tamén a Galega) a media hasta, durante tres días, en sinal de vergoña colectiva."

   Ata aquí canto corresponde a unha historia, que nos parece un chiste, e que un pode, aínda hoxe, confirmar, espallado como está o material probatorio polas hemerotecas do país ( Voz de Galicia, Faro de Vigo, Correo Gallego, etc., etc.). En Muros, onde, desde hai unha década, vivo xubilado e repaso as miñas notas de nostalxia, estouche ben seguro de que tal cousa endexamais tería acontecido, nin tan sequera en soños. Que carallo, que nós somos máis listos! Ou non?

    (Rioderradeiro)

miércoles, 2 de septiembre de 2020

O asubiador de Balaídos.

O asubiador de Balaídos.
______________________
A importancia deste individuo radica na súa carencia de importancia. Voz, a súa, como reforzada con folla de lata por cravos e chatolas; fisicamente, anódino, un setentón eivado, gordecho, tirando a pequeno; andares propios dun remador a ritmo de pé quebrado, por culpa da parálise de medio corpo que o sorprendera e castigara na puberdade. Exprésase, doutoral, coa man esquerda e tamén exerce con ela o control da dereita e trata de disimular aquela ineptitude operativa gardándoa no peto.
Tratemos de estudalo e de coñecelo (por dentro, máis a fondo) en función dos seus propios actos: ancorado no pasado franquista, é un ser oblicuo, repugnante, facha, arrastrado, nostálxico adulón dos poderes fácticos, agradecidísimo da misericordia recibida da man dos xerarcas benefactores (alcalde, xuíz, obispo, cura, coronel...) que, de cando en cando, lle tiraban un aceno, unha esmola (un patacón á gorra), que lle pasaban unha man polo lombo, cousas así de xenerosas e de dignas . E, sen embargo -segundo me contan, porque, antes de retratalo con pelos e sinais, asesóreme ben-, este "pico de loro" dispón de dons e de ferramenta pouco comúns e ten sona de hipnotizador de mulleres avariadas, necesitadas de afecto ou de compañía. No noso rueiro, hai homes (sans!) de pelo en peito que (en razón diso) o envexan, e que ata o admiran.
Fuma, decontino fuma pitos de picadura, e tamén fuma en pipa; pero, ao mesmo tempo, non para de falar e de asubiar filtrando o asubío, ao natural, por entre os dentes, para reclamar a atención de quen o escoite (en particular do sexo feminino) de lonxe e mais de cerca, coma quen lle dá de comer farangullas ás galiñas. Por iso, e polo cheiro da súa pipa, é todo un personaxe, pese ao seu lado escuro.
Velaí, na forza do día, só, apousado nun sentadoiro de merendar para catro persoas, á beira do río, a carón dos patos e dos coellos que pastan herba vizosa sen lle ter medo á xente. Hoxe é festa grande, vai haber carto fresco; porque toca partido: Celta contra Benfica. Consulta o seu reloxo, chanta a boina na croca, ergue, bótase, con toda a dignidade do mundo, a desandar o camiño que o regresa a Balaídos onde el, veterano (a veteranice é grado de sarxento para arriba), armado de chifre, exerce (polo oficio) de xefe da confraría dos "gorrillas" , comandando (dunha maneira explícita, a toque de silbato) a distribución de espazos de estacionar vehículos na Avenida Citroën. Así (ou en parte así) se gana Amadeo, coma un caporal, o respecto..., e a vida.
Arestora, na amencida, de socate, escoito o característico (non o metálico), o persoal, de maneira insistente, repetitivo, o provocador asobío do vocacional amante de vellas princesas que pasan pola alfombra de espiñas dun desamor ou por un mal trago. O reclamo esixente parte da fiestra aberta, a da luz prendida do Portal 2, do eivado do 4º B do edificio de en fronte. Amadeo Troncoso (ou Teodoro Troncoso?, debía confirmalo) debruza, pola soleira, a súa faciana de sátiro, o seu arpexio verderolo (ás veces tamén se esconde, de présa, e apaga a bombilla) na procura de agarrar polo aire a aura da muller nova (veciña del) que está a punto de coller o autobús para o traballo, da mociña (veciña del) que vai para I.E.S. do Alexandre Bóveda, da adolescente, da nena..., das fillas dos demais, pois endexamais fixo familia. Unha a unha, a punta de chifro, a todas elas desvísteas coa vista, e queda tan campante.
Amadeo! Onde vas Amadeo? Quen, presuntamente, "ama a Deus", que non o amas, que non o temes, que non o respectas, nin te respectas a ti mesmo. Miserable asubiador, cabrón de sete solas!
(Rioderradeiro)

martes, 1 de septiembre de 2020

AS TRIBULACIÓNS DE AMBROSIO (emigrante retornado)

A imaxe pode conter: 1 persoa, en pé e ao aire libre


Ambrosio. Preséntovos a Ambrosio, a Ambrosio Rodríguez (nome autético, apelido presunto), o “alemán”, que así lle chamamos os veciños. Ambrosio é rubio, de estatura media, boa presenza, boas formas no trato, pouca formación, pensamento primario.

Ambrosio é ourensán, de Nogueira de Ramuín , onde os Baltar, desde o ano cataplún, exercen mando en praza. De rapazote, tralo servizo militar obrigatorio, fora probar fortuna a Barcelona; pero é logo, de casado, cando el e a súa dona deciden emprender a aventura de iren os dous traballar a Alemaña.

Os primeiros tempos alí, por dicilo abreviado, son durísimos: Ambrosio habita un barracón comunitario de homes e Matilde comparte un habitáculo (tamén de madeira) pensado só para mulleres; non hai, polo tanto, vida de parella, pois están sometidos a estrítas normas de inspiración economicista, espartanas. Superada a devandita proba, ao cabo duns dous anos daquela escravitude, acceden a un mellor status con contratos de traballo máis flexibles e máis coherentes coa dignidade humana.


Témolos, de volta, agora, aquí, en Vigo, radicados na rúa Ponte da Veiga, pensionistas cun nivel de ingresos envexado por moitos. No país teutón deixaron ao fillo maior, afable, unha monada de rapaz, aros nas orellas, pelo pintado coas cores do arco iris que, de cando en vez, os visita e comprace, sempre acompañado dun amigo especial e moi ben parecido. A nena (porque teñen unha filla), unha xove romántica (de psiquiátrico o seu namoramento), para nada estudosa, está enganchada a un mozo maltratador, segundo el me confesa.


Ao meu veciño Ambrosio, sen embargo, véxoo moito máis preocupado polo fluxo migratorio de “sudacas e negros” e polas liberdades sexuais entre os do mesmo sexo que pola propia vida: “Esta xente de fóra -coméntame- veñen onda nós para se aproveitaren do noso sacrificio”. “E que dicir deses gays e desas lesbianas que, por enriba de seren como son, esixen dereitos e liberdades que Franco endexamais tería tolerado”?

Pois nada, replico para min, despois de ter recuperado o alento: non estou preparado; por unha banda, ti, Ambrosio, xa ves e, pola outra, que queres que che diga?

            (Rioderradeiro)

jueves, 25 de octubre de 2012

PENSAMENTO LÚCIDO (resultados do 21 de outubro)


Opinión

Francisco Rodríguez
 

Francisco Rodríguez

hai 14 horas

Retrato instantáneo do noso país, Galiza

VOTA: 
             
Estou entre os que se viron sorprendidos polos resultados electorais do 21 de outubro. Non tanto polas derrotas e os triunfos como pola súa magnitude. Desde logo, estaba claro, a mediados da campaña, que nada permanecía nas tendencias previas á mesma. Xa que logo, algo debeu acontecer que, incidindo nas posibilidades existentes na conciencia do corpo electoral, orientou o voto da maneira en que as urnas acabaron reflectindo. O reflectido indica que a crise está condicionando a forma de vivir a política e os procesos electorais, en particular. En que sentido? Pois, no caso galego, agudizando fenómenos xa endémicos e facendo aboiar outros non tanto novidosos como agora máis incisivos. Entre os primeiros, están o individualismo, a falta de conciencia colectiva como pobo, a consideración de non valermos por nós mesmos, a resignación e a desconfianza perante a política e os políticos; entre os segundos, o peso da conxunción dos medios escritos e audiovisuais, o mundo dixital e internet incluídos, e a forma de reaxir e adaptarse á globalización, co debilitamento dos vínculos coa realidade e a sociedade propias, como prioritarios. Estes fenómenos atinxen a maioría do corpo electoral, dunha ou doutra forma, alén das opcións últimas de voto. Todos eles mesturados non fan máis que incidir na fraxilidade de grande parte do corpo electoral galego, pois carece de pautas alternativas visíbeis que o orienten nunha dirección política acorde coa superación dos problemas reais da sociedade concreta na que vive, Galiza. En definitiva, non hai dialéctica mellor para garantir o continuísmo ou para favorecer experimentos contraditorios, se for o caso ou existir a necesidade.

Neste contexto, a vitoria do PP, aínda que custe aceptalo, non pode sorprender. Representa xustamente a aposta por unha alternativa que nos promete continuar cumprindo o noso papel tradicional, o mellor dos mundos posíbeis, garantindo estabilidade política e acomodación a España e á UE, as únicas opcións posíbeis, dirixidos por un “eficiente” xestor, segundo vocean os poderosos medios de desinformación. Fronte a isto, non existiría máis que unha contraditoria gaiola de grilos. Certo que o PP perde adherentes perante a evidencia clamorosa das secuelas das políticas de axuste e recortes, mais alimentan basicamente a bolsa da abstención, da que tampouco se libran, polo demais, as opcións políticas que tiveron responsabilidades de goberno, aínda que fose por pouco tempo e de forma compartida. O descrédito da política e a tese tan cacarexada de que todos son iguais parece afectar menos o electorado do PP. Anotemos unha curiosidade, en campaña foi a única forza estatal que, por máis que fose en van e case como perxurio, introduciu a palabra Galicia no discurso.

"A maior dificultade está en acertar coas mudanzas, todas as que foren necesarias en todas as ordes, unha vez que a alternativa e os obxectivos políticos están definidos con claridade, para lograr recuperar e agrandar espazo social, en primeiro lugar, e institucional, en segundo, para o nacionalismo galego".


Desde logo, podemos valorar como quixermos os resultados de ANOVA-IU, mais se algo está claro é que nada teñen a ver coa mobilización de cabreados abstencionistas. Pescou no caladoiro do PSOE e do BNG, case en exclusiva. E alén de todos os méritos que se lle apoñan na forma de facer a campaña, hai algo tamén irrebatíbel: as súas potencialidades non se terían desenvolvido até onde o fixeron, de non ser a colaboración entusiasta, calibrada, de deseño, prestada por La Voz de Galicia, a RTVG e outros medios. A eficaz utilización de internet e das redes sociais, sen dúbida obra de expertos coñecedores, foi o complemento perfecto. Repenicaban en conxunto. Desde logo, a campaña brillou pola ausencia de alternativas e propostas. Para que? Non se trataba disto senón de explotar e canalizar a desafección, a confusión, o cabreo, o ánimo de protesta, de forma que impactase no electorado, afianzando a maioría para o PP, e fragmentando o electorado de esquerda e, sobre todo, o nacionalista. A forma en que, coa entusiasta colaboración dos medios, se agacharon as siglas de IU, mentres se personalizaba a campaña en Beiras é todo un modelo de manipulación confusionista. Un importante segmento do electorado acreditou inxenuamente que estaba perante unha opción nacionalista. Neste aspecto, a substitución/identificación absoluta da alternativa política co leader non é precisamente un síntoma de racionalidade nin pode ser valorado como unha aposta pola transformación da sociedade. Incide na concepción da política como espectáculo, no personalismo individualista, no xestual e aparente, que só se pode empregar con éxito se o poder mediático colabora. Por certo, o impacto positivo da frase sobre a política sanitaria de Feijóo ter provocado máis mortos que o terrorismo só é posíbel, se hai colaboración daquel poder. Polo demais, estaremos de acordo en que a maioría dos votantes desta novidosa irrupción non o fixeron tendo un contraste real significativo do que representa, na práctica, a súa forma de facer política. O que fala tamén da importancia da aparencia e da novidade da envoltura.

O BNG foi un dos principais damnificados desta irrupción mediática. Todas as fraxilidades propias favoreceron o impacto no seu electorado: as escisión recentes con deterioro da sigla e da imaxe, a confusión conseguinte, potenciada descaradamente na propia campaña polo mesmo Feijóo , sobre a existencia de varios BNG, a insidiosa incidencia do PP en homologar o BNG co PSOE por compartiren o goberno bipartito na Xunta e moitos gobernos municipais, a tendencia social, tamén impulsada mediaticamente, a meter no mesmo saco, sen matices nin diferenzas, todos os partidos e organizacións políticas relevantes...Sen dúbida, o BNG ten unha moi delicada situación, por se xuntaren nesta conxuntura moitos problemas á vez. A maior dificultade está en acertar coas mudanzas, todas as que foren necesarias en todas as ordes, unha vez que a alternativa e os obxectivos políticos están definidos con claridade, para lograr recuperar e agrandar espazo social, en primeiro lugar, e institucional, en segundo, para o nacionalismo galego. Precisamente a imaxe que os resultados electorais deixan de Galiza é a dun pobo sen obxectivos políticos propios e con escasa e confusa conciencia nacional. No noso caso, vai ser moi difícil que se canalice o desacougo e o espírito de rebeldía en mudanza positiva para a maioría social galega se non se reforzar o movemento popular nacionalista. Para iso, a máxima unidade é necesaria entre os nacionalistas, tan necesaria como termos claro que non son compatíbeis estratexicamente alternativas fundamentadas na existencia do pobo galego como específico e con dereito a decidir por si con aquelas que teñen como único suxeito político decisorio o pobo español. Foi curioso comprobar como todos os poderes fácticos e as súas terminais informativas apostaron polo PP gañar estas eleccións na Galiza. Chegouse mesmo a que El Paísobviase calquera enquisa previa. Todo parece indicar que a estratexia consiste en, máis unha vez, perante acontecementos que se aveciñan, garantir que Galiza fai de furgón de cola do tren da españolidade, ningún problema, nada que reclamar, nada que reivindicar. Neste contexto, xa se sabe que opción política convén ter máis debilitada e que conciencia ideolóxica debe ser, a dereita e esquerda, a hexemónica na Galiza. Permítome o recurso ao impasíbel e pachorrento Rajoy: fóra de España e da UE non existe nada. Traducido para galegos: sexamos a cada paso máis españois, o único importante, aínda que o país se derrube sobre nós.

domingo, 16 de septiembre de 2012

PENSAMENTO LÚCIDO: "O problema nacional galego"



Francisco Rodríguez
 

Francisco Rodríguez






Non cabe dúbida. Vivimos un momento crítico, de inflexión, en moitos aspectos. Para unha mente consciente de sermos pobo, nación, interesada en expresar a súa vontade colectiva, a perspectiva política está conformada polas necesidades, pola realidade do país co que nos identificamos, Galiza. Seguramente, tamén para moitos galegos e galegas, que detectan cales son os nosos problemas e intúen, de forma confusa, por onde poden vir as solucións, a realidade circundante condiciona a súa óptica política. A conciencia nacionalista, a conciencia de Galiza, significa identificación e adhesión ao propio país, ás súas necesidades. Non deixa de ser o produto dunha realidade específica, desvendada na conciencia. Velaí a súa fortaleza, que está intimamente ligada á necesidade, á particularidade da contradición que vivimos como pobo distinto. Mais tamén é fráxil, porque non se incardina nos procesos de dominio nin de subordinación. É a súa antítese. Ademais sempre resulta albo de todos os ataques que se argallan en nome da modernidade e do progreso fraudulentos, do universalismo cosmopolita, da concepción da unidade como aceptación da dependencia, a subordinación, o dominio, nos eidos político e económico. Non falarei da imposición destrutiva contra a lingua e a cultura nacional decorrente da xerarquía superior da españolidade que a globalización actual non fai máis que excitar.

A verdade é que resulta rechamante que, desde Galiza e en nome da actual situación crítica, se pretenda prescindir, obviar ou secundarizar, aínda máis, a perspectiva política da nosa nación, a conciencia das súas necesidades, a identificación coa nosa realidade económica, social e cultural para defender alternativas apropiadas. O que se recoñece como unha situación de emerxencia nacional non é aproveitada para fortalecer unha visión política axustada ás nosas necesidades e a unha alternativa consecuente con elas, como sería a da unidade interna, senón xustamente para confundila, esvaela e, sobre todo, para servir a estratexias e deseños políticos que non teñen o centro de decisión no país. Para unha mente sen unha conciencia nacional excesivamente fráxil ou gravemente afectada por desafeccións ao propio, non debería ser difícil comprender que a crise na Galiza é inseparábel e debida á progresiva eliminación dos nosos sectores produtivos, co paro conseguinte, o retroceso demográfico e o envellecemento inevitábeis, e a emigración que non cesa; insuperábel sen a capacidade para decidir por nós mesmo en función dos nosos intereses; sen saída liberadora posíbel se non hai confianza nas propias capacidades e se non se practica a autoestima fundamentada na valoración do propio, mesmo para mudalo, melloralo ou criticalo, no uso da lingua do país e no coñecemento da nosa historia. De asumirmos o diagnóstico, é doado tirar as conclusións oportunas. Expresémonos en termos máis xenéricos e abstractos: a solución non vai vir de afondar na españolización e na globalización. Terá que vir nunha dirección oposta á actual dominante. Só un poderoso aparato ideolóxico e cultural de intoxicación e dominio das conciencias, e o subxacente funcionamento económico, social e político, poden explicar a reticencia a traballar por unha máis ampla conciencia nacional na Galiza, precisamente neste momento de crise máis do que nunca.

Porén, algúns sectores ideoloxizados, de tradición “galeguista”, por empregarmos unha palabra que lles é moi querida, e en nome da esquerda, argumentan que é este un momento no que debe prevalecer a conciencia de clase, no sentido marxista, sobre a conciencia nacional. A articulación dunha política de defensa das maiorías sociais castigadas pola crise esixiría esta preferencia. Teño comprobado que, en momentos críticos, sempre aparece no campo nacionalista alguén que foxe da contradición principal cara ao sucursalismo, a españolidade, por este vieiro presuntamente esquerdista. De igual forma teño observado que, nalgúns casos, especialmente no campo da cultura, no mundo intelectual, presuntos independentistas retóricos non fan máis que agochar no seu aparente radicalismo nacional de ocasión un esquerdismo inconsecuente, incluída a maridaxe coa esquerda española antes que coa nacional galega, ao tempo que practican toda caste de conivencias e adulacións co statu quo institucional ao que serven sen complexos. Hai exemplos ben senlleiros. Mais volvamos á cuestión da dicotomía. Usala para xustificar alianzas con forzas sucursalistas resulta revelador. No caso galego concretamente, tal dicotomía é imposíbel de fundamentar, a non ser que se pretenda contribuír ao confusionismo ideolóxico, ese que consiste en acoutar o problema nacional a un problema “identitario”, restrito á lingua e á cultura, que se conciben así tamén como algo inmaterial. Esta concepción do problema nacional confunde do punto de vista analítico, desorienta á hora de artellar alternativas e procurar solucións para as maiorías sociais na Galiza. Efectivamente a sociedade galega, o pobo galego, só sairá da súa crise endémica, agora agudizada, se existe unha alternativa galega cuxo suxeito político non poden ser máis que as clases populares do país. Semellante alternativa debe ter como obxectivo mudar o modelo de UE para fundamentalo na igualdade entre nacións e no beneficio para as maiorías sociais, e o modelo de Estado para unha confederación, como mínimo.

"En momentos críticos, sempre aparece no campo nacionalista alguén que foxe da contradición principal cara ao sucursalismo, a españolidade, por este vieiro presuntamente esquerdista"


Como xa indicou Castelao, no caso galego, a clase obreira, as clases traballadoras, en xeral, só poderán desenvolver o seu potencial se o país rompe a dependencia e a subordinación económica. O noso desenvolvemento endóxeno fará medrar a economía e os traballadores produtivos. Necesitamos outro modelo de desenvolvemento que rompa as graves limitacións que hoxe nos impón a dependencia. Obxectivamente as máis interesadas e a quen máis aproveitará son as clases traballadoras. Sen elas é imposíbel unha mudanza semellante. Exemplifiquémolo con algunhas preguntas retóricas. Acaso a desaparición das entidades financeiras galegas beneficia as clases traballadoras do país? É que, nas actuais circunstancias, non son elas as que deben abandeirar a creación dunha Banca Pública Galega? El será que non contarmos con soberanía fiscal e acreditar que vivimos de prestado é unha contribución á unha conciencia proletaria? Por ventura é a oligarquía global e a local as que teñen interese en que Galiza goce de soberanía, de capacidade de decisión? A recentralización política en curso non vai parella ao proceso de concentración do capital, aos oligopolios de toda caste e á perda de dereitos sociais e laborais? Non hai indicios dabondo que indican que a desigualdade no reparto da riqueza está tamén relacionada coa función, co papel que cada pobo desempeña no deseño global do Estado español e da UE? Finalmente, será que as clases traballadoras, a obreira en particular, de exerceren os seus dereitos plenamente, non son as primeiras interesadas en podermos producir, en non emigrarmos, en non disociarmos a condición nacional da de clase? Non é boa pedagoxía política educar as clases populares galegas no que xa están habituadas en exceso, unha continua anulación da perspectiva galega do contexto estatal, europeo e mundial, en nome de non se sabe que abstractas maiorías sociais. Disociar o problema nacional do problema de clase nas nacións dependentes e/ou colonizadas conduce á privar de toda perspectiva de futuro ao pobo en cuestión. A tradición nacionalista galega tívoo sempre claro.


"Altermundismo, retórica esquerdista, horizontalidade, calquera mimetismo de moda vale para xustificar actuacións tácticas que debilitan o marco galego de decisión, a autoorganización, a unidade en función de criterios e perspectivas acordes cos intereses do pobo galego".
Porén, as crises do nacionalismo galego sempre estiveron marcadas por esta cuestión en situacións críticas. Por exemplo, a tendencia a privilexiar a expresión galeguismo, tal adulterada como equívoca, no canto de nacionalismo serve sempre de pasarela par xustificar a confluencia co sucursalismo, que non é neutro, senón antinacionalista. Hai o comodín pexorativo: o nacionalismo é sectario. Altermundismo, retórica esquerdista, horizontalidade, calquera mimetismo de moda vale para xustificar actuacións tácticas que debilitan o marco galego de decisión, a autoorganización, a unidade en función de criterios e perspectivas acordes cos intereses do pobo galego. Nunha palabra, unha alternativa popular de nós, única garantía de o país poder defenderse e mesmo para poder ter a posibilidade de dialogar cos demais sobre bases de igualdade. Hai quen prefire facer de cabalo de troia para introducir outras perspectivas e intereses, neste caso os dunha forza política española. Xa o aclarou Cayo Lara, dando desde Madrid o visto e prace central á operación de confluencia electoral, as eleccións galegas non teñen unha dimensión galega, téñena española. Naturalmente non estaba pensando no peso de Galiza no Estado, nin nunha perspectiva galega da política estatal. Estaba pensando en como usar o proceso electoral galego para os intereses da política española ou españolizadora. O dirixente dese segmento da esquerda estatal nunca confunde sobre o carácter español-andaluz da opción que encabeza, incluída a cultura e a lingua. Tampouco deixa lugar a dúbidas sobre a súa oposición teórica e práctica a calquera proceso que signifique a soberanía para as nacións do Estado. Non é menos notoria a animadversión e hostilidade desta forza política á autoorganización sindical do noso pobo. E menos oculta unha ideoloxía agresiva co nacionalismo, o galego en particular, nada menos que en nome de que os traballadores non teñen patria, agás naturalmente a que se deriva da españolidade imperial que nin discuten nin combaten, mais ben reafirman.

Certamente na sociedade actual existe un deterioro que atinxe moitos aspectos das nosas vidas e comportamentos, un caos onde todo parece valer. Tan é así que podemos mesmo asistir incrédulos a situacións esperpénticas, por abusivamente contraditorias. Podemos atoparnos unha coalición electoral anticapitalista que non ten reparos en acabar incluíndo consumados defensores do capitalismo, supostos independentistas mesturados con recalcitrantes españolistas, e todo cociñado en sete días. Onde ficou o programa, programa, programa duns? Onde a horizontalidade, a base e a ética doutros? Que se fixo da ridiculización e intoxicación anticomunista que practicaban algúns dentro do nacionalismo galego hexemónico para agacharen o motivo real da súa disidencia, que non era outro máis que o de mudar o seu carácter nidiamente nacionalista, e polo tanto coherente coa base social, material, que pode sustentalo, as clases populares? Hai moito tempo vivín na organización na que milito situacións nas que había que estar constantemente rebatendo e contradicindo a tendencia filopesoísta dun leader carismático, para non sermos unha muleta dese partido estatal. Nada que reprochar, pode ser normal a diversidade de perspectivas. Máis tarde vino abrazado a Fraga, xustificándose en que era unha forma de que nos dese a pátina de demócratas, isto é, de non terroristas, estabamos na etapa Aznar. Un erro táctico incomprensíbel, pensei, produto da canseira e da incoherencia. Pasar da peste Fraga a aquilo era demasiado. Ver a todo un Consello Nacional votando a altas horas da noite para obrigalo a presentar unha moción de censura a Fraga polo Prestige, pareceume unha proba do seu desnorte político e da súa falta de sentido da realidade. O que veu máis tarde, máis recente, con descualificacións e denigracións públicas continuas da forza política á que dicía pertencer, mellor non xulgalo politicamente, e menos dun punto de vista ético, palabra que a algúns tanto lle gorenta usar, seguramente por presumiren do que carecen. Espero que, agora, á luz de feitos tan reveladores e de opcións tan inconsecuentes, algúns que, de boa fe, puidesen acreditar en que a crise interna vivida polo nacionalismo galego estivo provocada non se sabe por que hexemonismo malévolo dun partido, cavilen en que a causalidade foi ideolóxico-política. E non para beneficiar nin a autoorganización nin o nacionalismo nin a perspectiva galega da política. E xa postos a falar de ética, o espectáculo en curso dá toda a impresión dunha chambonada electoralista de urxencia. Nada a ver coas maiorías sociais nin coas necesidades do país
.

martes, 1 de mayo de 2012

Pablo Vaamonde: A saúde para quen a pague

Pablo Vaamonde: A saúde para quen a pague: A sanidade pública comezou no Estado español como un seguro colectivo, avalado polas cotizacións dos traballadores. Este modelo cambiou n...

jueves, 12 de abril de 2012

O ano empeza en primavera




As batallas políticas líbranse no campo das ideas. Cando estas non brillan son as ambicións persoais as que soben á palestra

O ano empeza en primavera

Valorar(108)
 

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------


Se non podes vencer ao teu inimigo únete a el. Aínda que o pareza, non é un dito inventado polos que despois de caeren de bruzos pediron albergue na casa do nacionalismo e se mantiveron nela mentres non curaron as feridas da trompada. É a norma escrita no código da retranca. Mália teren prometido fidelidade aos principios que inicialmente menosprezaban, estes retranqueiros nunca se atoparon a gosto na nova morada, e aproveitaron a primeira goteira que se abriu no tellado para saír dela. En realidade, botaban de menos o cortello onde deixaran a maseira ideolóxica. A ruptura, que se quere presentar como desfeita, non é máis cá un pequeno furuncho que pouco a pouco vai supurando o brume da infección. Nas declaracións públicas dos desertores está o recoñecemento do propio fracaso: a imposibilidade de amolecer a firmeza do nacionalismo desde dentro, de domesticalo, de levalo ao rego dun galeguismo ben entendido. Por iso se lanzaron á intemperie sen paraugas, outeando agora novos camiños polos que poder seguir. A desorientación é proverbial. Saíron mutilados dunha asemblea que agoiraban vitoriosa, e andan agora á procura de protésicos. Para a compota que están a cociñar tanto lles vale a seudoesquerda españolista como o independentismo radical ou mesmo grupellos proclives á resistencia armada. De palla ou de pallugueiro, estamos seguros que lograrán encher o palleiro. Cortexadores non lles han faltar. Non por guapos, senón por revoltosos. 

Por medo á friaxe ou non ter garantidos suficientes apoios nas institucións están os que a banda pioneira deixou en retagarda. Quedaron co santo pola esmola e non por devoción. ¡Ollo con eles! Nunha organización milítase para defender principios, non para combatelos. Ademais de estulticia hai procacidade nas declaracións dos que subordinan a súa permanencia na fronte patriótica ao obxectivo de ir roendo pouco a pouco a liña aprobada en asemblea por abafante maioría. Non pertence á ortodoxia nacionalista a resurrección dos autos de fe dos tempos da Inquisición, mesmo que haxa quen cre no Santo Oficio igual que nas meigas. Pero si é de rigor manterse vixiantes e distinguir os pasaxeiros dos polisóns. Unha cousa é discrepancia e outra oposición. Se cadra, un dos erros que conduciron á situación actual foi o non ter posto na porta de entrada o cartel de "reservado o dereito de admisión". Outro, repartir a esgalla credenciais entre novizos que acababan de ingresar ou solar o piso con táboas de importación. Con estes descoidos chegouse a darlle valor de cátedra aos que estaban nela de emprestado. Moitos, que nunca mereceran titulares nos xornais, son noticia agora que se puxeron fóra, e a prensa atribúelles currículos nunca recoñecidos cando estaban dentro. Eses platós, abertos aos discrepantes, a min lémbranme un programa televisivo conducido por un tal Navarro, que todas as noites cruzaba o Misisipí con elementos impresentábeis.

Acouguemos un chisco. Á dona Maruxa sempre lle tocaba perder nas partidas de naipes que botabamos despois da cea. Visto é, pois xa se sabe que os asuntos do azar non se resolven co cerebro -que a ela lle sobraba- senón coas veleidades do albur. Do tute pasábamos á escoba e da escoba á brisca. Sempre igual. Cansa de perder, dona Maruxa espetábanos: "¿E non haberá algún xogo no que se poida ganar?" A anécdota venme á memoria pola ousadía dos que queren que se repita o partido que veñen de perder. Ou sexa, levar a militancia ao rabo dos seus antollos. Coma se o Madrid esixise un novo campionato sempre que a liga a gañase o Barça. A proposta ten o seu aquel. Se cadra, como na voda da parábola, mandar os criados á rúa para arramplar con todos os eivados que non lograran mobilizar na asemblea anterior. As urnas, non as mans, xa falaron. E falaron no idioma democrático que os disidentes esixiran.

As batallas políticas líbranse no campo das ideas. Cando estas non brillan son as ambicións persoais as que soben á palestra. E tamén os tópicos. E ningún tan sobado nin tan baleiro fundamentar unha alternativa no lema da apertura: "apertura á xente". ¿A cal deas? Non é un ser homoxéneo, xenética e socialmente idéntico. Aínda que o sistema está camiñando cara iso, por fortuna non chegou por agora á sociedade a clonación. Hai xente de sangue azul e outra de cor vermella. A miña tira a roxo. Existen señores e vasalos. Amos e criados. Os que defenden e os que refugan o idioma. A sociedade é un fervedoiro de contradicións, e só na confrontación das mesmas se fai posíbel a transformación que se invoca como postulado. Para algúns a xente é un simple mercado. Son os que se poñen fóra dela. E con tal de mércala tanto lles dá abelorios coma doas de vidro. Nós, os que entendemos a política como loita, somos a xente, a xente que lle doe a dependencia do país, a colonización, as agresións ao idioma, e se a Nación esmorece e desaparece estamos dispostos a morrer con ela. Morreremos arrolados polos versos de Manuel Antonio: "Fomos ficando sós, o mar, o vento e máis nós". Se cadra falamos así, con afouteza, por fidelidade a unha organización á que lle naceron os dentes e foi curtida na represión. Daquela, o currículo dos militantes quedou impreso nos ficheiros da policía, antes de que a prensa fabricase ídolos. Utilizamos os escanos cando nos serven para crear conciencia, pero non hipotecamos neles unha doutrina que o nacionalismo veu divulgando desde tribunas non remuneradas. Eis a diferenza. Algún creto merecen siglas que se mantiveron firmes e imutábeis durante case medio século. Pouca confianza inspiran as que nacen e desaparecen, tan efémeras coma relampos dunha treboada de verán, presentando distintas versións das mesmas ideas e con idénticos protagonistas. Nesa veleidade está a constatación do seu fracaso.
A primavera (Colmeiro)
Agora ben, na mal chamada "apertura" pode existir unha intención malsá. Vexamos por que. O proselitismo forma parte do código político de calquera formación, principalmente da esquerda. Significa penetrar na sociedade para captar adeptos. Abrímonos ao pobo cando irradiamos mensaxes nas campañas electorais. Facémolo desde a tribuna, e tamén sentados no galiñeiro e no patio de butacas. Porque temos algo que levarlle, e o que del queremos recibir é a aportación necesaria para construírmos entre todos un proxecto colectivo. O cristianismo penetrou en Roma brandindo a cruz do nazareno, un símbolo que desafiaba a Xúpiter e a todos os deuses do Capitolio. Vaiamos á xente para sementar conciencia, non para agravar a súa alienación. Concepto xa anterior a Marx. A mentalidade alienada foi a que condenou a Galileo por afirmar que era a Terra e non o sol a que rotaba. Dáme a impresión de que os furibundos da "apertura" interpretan ao pobo do mesmo xeito que nalgunha ocasión satirizou Lope de Vega: "El vulgo es necio y pues lo paga, hay que hablarle en necio para darle gusto". Falan de transformar, pero chímpanse ao río non para modificar o curso senón para deixarse levar pola corrente. Mensaxeiros do sistema, son uns simples depredadores de votos que utilizan como cebo da súa egolatría. ¿Qué diferenza existe entre eles e a dereita? Que representan o papel de comodín no póker que o poder está a xogar con nós. Aí radica a intención malsá deste aperturismo. Censúrannos por sermos belixerantes e non conciliadores co adversario a combater.

Non se pode saír ao auditorio para engaiolar ou divertir ao público como fan os comediantes. Hai que falar claro e con arrouto. Que o pai da crise é o capital. Capital sen eufemismos nin sinónimos edulcorantes. Que a febleza da nosa economía, con crises ou sen elas, non se debe á preguiza dos galegos nin a unha natureza pouco xenerosa. Que é causada polos recursos expropiados e chuchados a través dunhas relacións de tipo colonial. Que cando emigramos non é por solazar o espírito (conclusión á que conduce unha teoría de Piñeiro), senón para buscar fóra o compango que non atopamos dentro, por temos roubado España a chave da despensa. Que autodeterminación non significa pobreza senón liberdade e redención da escravitude. Que o noso idioma é o galego e a lingua invasora o español. Que un pobo que despreza o seu idioma é un pobo desprezado. Que a nosa historia non se inicia en Covadonga senón nos Irmandiños de Roi Xordo, os que derrubaron castelos, non os que os reconstrúen agora obrigados pola nobreza vencedora. Unha observación. Os mellores resultados electorais do nacionalismo producíronse cando estes argumentos primaban no seu discurso, cando aínda non abrira as portas. O declive veu unha vez que o buque, pilotado por saboteadores e polisóns, comezou a escorar cara estribor. ¡Por fin sós, musitan os noivos xa liberados dos angustiosos parabéns cos que os convidados lles pagan o xantar! Os galanteos que algúns pretendentes consideraban inicio dunha lúa de mel foron derivando pouco a pouco nunha vincha de fel que agora rebentou.

Aclaremos. A diferenza non está en cerrarse ou abrirse á sociedade, senón na linguaxe e no ton empregado para dialogar con ela. Iso é, diálogo e non monólogo. Sobre todo no contido ideolóxico da mensaxe que se quere difundir. Postos nun plano derrotista, concedamos que o pobo, xa vencido, derrotado, quedou incapacitado para dixerila. Se así for, fagámonos súbditos submisos da Iberia seca e mandemos Galiza á prehistoria. Pero non nos rebaixemos á condición de marráns do nacionalismo, igual ca os árabes e xudeos conversos que xogaban ás escondedelas con dúas relixións: a imposta e a orixinal. Mortos si, pero nunca escravos, porque a escravitude non se impón aferrollando os brazos senón a mente de quen se rende. Entrega ou resistencia. A forza dunha nación sometida está en resistir. Ergamos o ánimo e non as mans. A árbore nacionalista segue vizosa. Despois da caída das follas murchas do outono que acabamos de pasar volverá unha nova floración na primavera, a estación na que empeza o ano para os que aínda temos fe no noso pobo. A follaxe desprendida, nin sequera lle servía aos nosos labregos para roxar o forno onde cocían. Usábana para facer esterco ou de mulime nas cortes da facenda.

Rematemos facendo a diagnose dos doentes. Din sentirse asfixiados dentro da organización nacionalista. Este é o termo utilizado nas declaracións públicas por uns e mailos outros. Claro que si. Pero o sufoco prodúcenllo as ideas e non o sectarismo ao que culpan da súa deserción. Os "magníficos" veñen incitándonos a emprender unha viaxe para chegar á xente. ¿Qué se quere significar con isto? ¿Qué non se pode contar con ela para o proxecto político que defendemos? ¿Qué non debemos alporizala falándolle de autodeterminación, soberanía, da importancia do galego? Afirmativo, ignorantes clericatos. Non hai inquisidores nin martelo de herexes. A diferenza está entre os que queren facer a viaxe en limusina e os que preferimos facela a pé. Esta é a nosa maneira de abrirnos á sociedade: camiñando cos peóns.http://www.terraetempo.net/

sábado, 10 de marzo de 2012

os merlos da utopía



Non é unha pregunta tráxica porque, en rigor, non responde a unha dúbida existencial de gran fondura

E eu de quen veño sendo?



Admíranme as certezas absolutas de algúns. Servidora, que son eu dito ao vello xeito, ten moi poucas e pregúntase nas noites de desvelo: E eu de quen veño sendo? Non é unha pregunta tráxica porque, en rigor, non responde a unha dúbida existencial de gran fondura. Tampouco é unha brincadeira, porque algo si que me preocupa atopar a miña xinea, estirpe, filiación ou como queiran chamarlle á póla da árbore nacionalista na que pouso.

Servidora sempre pensou na árbore. Sabía que esta  tiña algunhas pólas con nome propio, unhas  fortes e outras de grosor mínimo; porén eran maioría as que non se recoñecían máis que na súa pertenza ao tronco común. Eu estaba nunha desas.

Que vento esgallou algunhas das pólas con nome propio, e as fixo voar despois, non me toca a min explicalo entre outras razóns porque podería arriscarme  nas certezas que denuncio. En todo caso, pasarán anos até que se poida saber se as ramas xermolan noutrén, se a demouca lle dá máis vigor á árbore, ou se unhas e outra saíron perdendo e con elas Galiza e nós, galegas e galegos, que á fin é do que se trata.

A cousa é que, a raíz destes feitos, leo e escoito que quen fica no BNG é a UPG, tamén chamada U alén doutras cualificacións que non repito por non me facer eco das cousas que algúns escriben nos foros baixo a impunidade do anonimato. Polo visto a maioría, independentes, non somos tales, senón ovellas a seguir aos corifeos desta organización. A única liberdade que exercemos é a do amén porque, evidentemente, somos parvos. Parvos e estómagos agradecidos, que, xa se sabe, reparten empregos super-mega-ultra-remunerados contra a crise e os recortes dela derivados.

Un psicanalista tiraría moitas conclusións lendo os males que denuncian, dos militantes que  seguen onde estaban, certos difamadores. Está claro que asimilaron á perfección o discurso dos adversarios políticos e emprégano agora en contra dos que foron os seus compañeiros e compañeiras de viaxe. Cumpriríalles ler a Paulo Freire e a súa Pedagoxía do oprimido. E eu pregúntome se notábeis persoeiros que se desvincularon do Bloque saben en que compaña o fan. Porque, ademais, aínda nunca lin argumentos, si comentarios viscerais que o mesmo defenden unha cousa que a contraria.

Non se entenda, por favor, que non respecto a decisión dos que tomaron outro rumbo. Tampouco que penso que non os moven argumentos serios. Eu só me refiro ao batallón dos que, sen asinar co seu nome, embarran o terreo desde a internet. Digo batallón, mais seguramente son catro que non teñen máis que facer.

Mais isto non me tira o sono, así que volvo ás miñas dúbidas: E eu de quen veño sendo? Coidaba que da defensa da lingua, a ecoloxía, a cultura, a igualdade ...: a Galiza que soño. Pois non. Seica son da UPG á que nunca me afiliei, uns comunistas que van abolir a propiedade privada, nacionalizar os nabais (de nabos, claro) e o naval (tan boiante, xa ora), a caixa de aforros que xa non existe e a catedral de Santiago.

Falando en serio e resumindo: Fóra dunhas cantas persoas moi próximas,  descoñezo quen é independente ou non no Bloque. A min tampouco mo preguntou ninguén, mais sei que non falta quen te adscriba pola súa conta porque coñecen as túas amizades. O curioso é que (supoño que coma min a maioría) temos amizades en moitas partes. E supoño tamén que faremos nosa a máxima de Aristóteles: "Platón é o meu amigo, pero a verdade éo máis".

A verdade -unha de tantas- é que máis de un entre os que se queixaban da baixada electoral do Bloque foron votar nas últimas eleccións e fixérono en branco. Non o imaxino, confesáronmo eles mesmos. Consideraban que o PP, a quen sabían que favorecían, era mellor que o Bloque ou era aquilo de "canto peor mellor"?

Os que ficamos non somos noticia, mais somos esperanza. Esperanza de que a árbore se volva a cadora máis frondosa porque, pese a quen pese, aínda seguen a cantar nela os merlos da utopía que pide futuro.

http://www.terraetempo.com/ )

jueves, 16 de febrero de 2012

CRISE DO NACIONALISMO ou NACIONALISTAS EN CRISE?


A crise do nacionalismo.



O balbordo mediático, a intoxicación e a confusión deliberadas teñen poder para facer dano de momento, pero non o teñen para aniquilar unha traxectoria política

 


Francisco Rodríguez Sánchez.

 


A crise que está a vivir o nacionalismo galego, tendo concomitancias coas que sufriu noutros momentos da súa historia no século XX, presenta algunhas diferenzas cualitativas. Para podermos comprendela, á marxe de caricaturas, prexuízos e manipulacións, perfectamente orquestradas polas direccións dalgúns medios de comunicación, ao servizo de intereses nas antípodas do nacionalismo galego, cómpre termos presente o contexto no que acaba por estourar: unha grave crise do sistema capitalista e dos aparatos institucionais e políticos que o amparan, a Unión Europea e o Estado Español, empeñados en procurar unha saída contraria ás maiorías sociais, reforzando o seu carácter antidemocrático, antinacional, represivo e imperialista, acorde coa globalización e coa conseguinte eliminación da capacidade dos pobos decidiren libremente o seu futuro. Pode parecer ilóxico que, xustamente cando a realidade é máis clara, se produzan discrepancias sobre a función e os obxectivos do nacionalismo galego. Porén esta aparente contradición resulta explicábel. A experiencia demostra que, en todas as circunstancias críticas, sempre se produce unha tensión entre a tendencia a acomodar o discurso e a práctica a un sistema que se considera invencíbel e a tendencia a clarificar e asumir o papel que dá razón de ser. Velaquí o quid do conflito que o nacionalismo galego está a vivir. Alén de ser inevitábel, esta tensión é perigosa por canto no primeiro caso pode conducir simplemente a unha homologación ou asimilación que prive o nacionalismo de función, e no segundo a un ideoloxismo ineficaz socialmente. A raíz da confrontación foi, pois, profundamente ideolóxica e política. Non hai máis que ler os relatorios que cada corrente elaborou para definir as posicións que pretendían, após o debate colectivo necesario, converteren no documento-guía da acción política durante os tres próximos anos. Natural e lexítimo.

Certamente esta é a fin dun proceso que se iniciou xa hai máis de dez anos, a comezos do século XXI, con máis indecisión e incerteza. Algúns resultados electorais axudaron a impulsalo e a reacción perante outros evidenciou que se desexaba e traballaba desde dentro, irresponsabelmente, a prol do desastre, por exemplo, ficar sen presenza no Congreso dos Deputados, para reforzar as propias posicións. O que xa estaba en xerme medrou cando a sociedade está máis confusa, escéptica, desmoralizada e desconfiada, e mesmo cando aínda hai sectores que seguen sen asimilar a perda do Goberno na Xunta. Paradoxalmente, quen se acolleu á bandeira de enganche da rexeneración da fronte, tiña desatado antes unha continua oposición nos medios contra o empeño de restaurar o perfil do BNG, a través de actuacións institucionais e sociais coherentes e audaces, como forza de oposición aos gobernos español e galego. O obxectivo foi desacreditar a organización e producir unha sensación de desunión, caos e inoperancia, que non se correspondía coa situación interna real. Porén, para un observador imparcial, era rechamante como se podía reaccionar con tanta virulencia contra unha liña de actuación que se inspiraba nos principios fundacionais do BNG e no acervo das súas análises e alternativas políticas xenuínas. Como resultaba inaudito escoitar apelacións á democracia por parte de quen tiña como norma violar ostentosamente todos os acordos ou decisións tomadas por maiorías amplas, cando non por unanimidade nos órganos de dirección ou nas asembleas. O nivel de desafección, ataques persoais e descualificación continuas, contra a maioría do BNG e moitos dos seus membros, foi sintomático de que non se estaba nel para construír nada, senón para derrubar e desprestixiar, naturalmente esperando o momento oportuno para intentar montar algo fóra, se non se lograba unha maioría dentro. Nas hemerotecas están as probas contundentes de que as palabras fraternidade e irmandade son, para algúns, un slogan fraudulento para agochar a súas fraquezas, e a forma máis fácil de obviar a definición política práctica cunha retórica tan teatral como efectista.

Estamos nun contexto no que cumpría a actualización e aplicación da tese tradicional do BNG sobre a Unión Europea, como espazo globalizado, no que non poden ter cabida as aspiracións a termos capacidade de decidir para defender os nosos intereses vitais, comezando polo dereito a contar cunha base produtiva propia. Cando menos lexitimidade social ten a UE, dáse o paradoxo dun sector nacionalista reaccionar con brío inusitado contra a ratificación e actualización da nosa posición tradicional. Algo similar aconteceu coa avaliación do marco autonómico, como espazo esgotado, choido para camiñarmos cara a soberanía. Por certo, un concepto que, todo un síntoma, algúns renovadores consideran periclitado ou superado, sen aclarar que restricións debe sufrir esta aspiración, nos tempos de modernidade política que predican. Escollendo este camiño de revisión, non estraña que a consideración da nación como realidade obxectiva se mire con desdén ou se queira minimizar a importancia da lingua propia como elemento vertebrador do discurso nacionalista. Tal e como está a situación, tan clara e sen ambigüidades, o tratamento destes temas debía conducir sen maiores problemas a unha asunción colectiva sen graves convulsións internas. Non foi así: a confusión ideolóxica e a pretensión de considerar Galiza unha sociedade desenvolvida, normal, como as centrais da Unión Europea, alimentan a tese de que estamos no mellor dos mundos posíbeis. Deste xeito, propónsenos, como liña a seguir, algo que, en esencia e no mellor dos casos, non disente nin contrasta coa da esquerda española, a non ser polo ámbito de actuación. Non en balde, nalgún sector dos que, desde hai tempo, incitaron ao abandono do BNG, estivo actuante sempre a posta en cuestión do principio de autoorganización, mesmo defendendo e participando en estruturas sindicais de ámbito español. Cada vez será máis aberta a súa proclama a prol da unidade do que denominan esquerda nacional, non nacionalista, que incluiría á esquerda antinacionalista ou sucursalista. Malia unha retórica oportunista velar esta intención, non deixa de aparecer sutilmente en certos discursos rexeneracionistas. Por outra banda, desde hai tempo, circula por internet, emitida desde fontes con nome e apelidos vinculados ao PP (por certo, partido que devece por ver esfarelado o BNG), a exhortación a escindirse do BNG, de non poder mudalo nunha alternativa galeguista, autonomista, europeísta e burguesa, como foi Coalición Galega. Esta si que é pertinaz vocación para inventar unha realidade inexistente, e unha alternativa nada acorde coas necesidades do país e das súas clases populares. O experimento xa foi probado con escaso éxito e falta de vontade firme na defensa dos intereses do pobo galego. Só callará, circunstanciadamente, se a dereita ou a esquerda españolas bipartitas o necesitaren...

A crise do nacionalismo galego expresa, isto é o máis preocupante, a crise ideolóxica, económica, social, política e cultural, dunha sociedade, dun pobo, nunha situación crítica. Alén de curiosas, contraditorias, xustificativas, psicoloxistas ou intoxicantes argumentacións para explicar as condutas individuais ou colectivas nunha crise de natureza política, o fundamental é evidenciar as causas desa natureza que a provocaron. A resposta ás seguintes preguntas dános a clave: Estáse ou non por combater a globalización desde unha perspectiva nacionalista? Concórdase coa tese de que a UE é o espazo global no que estamos inmersos e que, tal e como está deseñada, Galiza non ten futuro algún nela? Considérase que é compatíbel a existencia de Galiza como pobo diferenciado co o modelo económico e político que a UE e o Estado español simbolizan? É posíbel outro modelo de Unión, que respecte a soberanía dos pobos e se cimente nos dereitos e intereses das maiorías sociais, na paz e no antiimperialismo? ¿Tense claro que a a cesión de soberanía do Estado español á UE non repercute en maior capacidade de decisión do pobo galego? É posíbel superar a crise económica actual de forma favorábel ás maiorías sociais e aos pobos como o galego, se non poñemos en cuestión a actual UE, o Estado español e o modelo económico-social e político oligopólico que os sustentan? Os distintos relatorios a debate no proceso asembleario que tivo a súa culminación en Amio, contestaban este interrogatorio de forma diferente e ás veces antagónica. Recorreuse mesmo, nunha fase do proceso, a opacar con ambigüidades e indefinicións o discurso rexeneracionista. O importante era dar a batalla para desprazar a quen desenvolvía os elementos matrices do BNG, actualizados conforme ás circunstancias presentes, con claridade. Parece obvio que determinadas respostas nunha mesma dirección ás preguntas devanditas farían innecesario o nacionalismo. Non é que todas teñamos que contestalas todos coa mesma contundencia e convicción ou da mesma maneira. Todos podemos e debemos esperar tamén a definir a práctica perante os problemas concretos. Esta é a vía posíbel para a unidade. Mais non o pode ser un discurso que non privaría de razón de ser, de funcionalidade conforme á necesidade. A partir desta consideración cabe facer con igual rotundidade a de que, seguramente, o importante continúa sendo a convivencia entre os que, polo menos, estamos dispostos a escoitar a razón dos outros para enfrontarnos aos problemas que as preguntas encerran desde unha óptica galega.

A artillería mediática, durante todo o proceso asembleario, especialmente nos días inmediatamente anteriores á celebración en Amio, foi espectacular, co obxectivo de forzar a vontade da militancia en favor do rexeneracionismo, da renovación, para vencer oscomunistas e o aparato. Foi unha mestura dos métodos de propaganda da guerra fría, cos que se practican na actualidade para impor un novo dominio colonial máis eficaz, especialmente en Oriente Medio: todo vale para acabar cos obsoletos e os anticuados, coa meiga monstruosa, orixe de todos os nosos males. Venme á memoria como o Servizo de Información dos USA suxería que se denominase como Vietcong (comunistas vietnamitas) ao Fronte de Liberación Nacional de Vietnam do Sur para combater o prestixio patriótico que tiña a denominación Viet Minh, negándolle así o seu carácter plural. Alén de demonizar con insistencia a UPG, e en particular a algún dos seus membros, o obxectivo mediático obsesivo foi a eliminación da sigla que realmente obtivo a maioría democrática, Alternativa pola Unidade, da que aquel partido non é máis que unha parte menor. Así se quere intoxicar coa idea de que non existe pluralidade nin independentes, alén de resultaren cavernícola, na opción máis votada. Non me cabe a menor dúbida de que o carácter patriótico, nacionalista, democrático e antiimperialista é o máis senlleiro e definidor da Alternativa pola Unidade. Porque, contra o que os medios gustan de vender, non estivemos nunha confrontación entre comunistas e socialdemócratas. Nunca foi esta a dialéctica real no interior nin para fóra que expresou a Fronte. A dialéctica está máis ben na diferenza na forma de interpretar o problema da nación e nas alternativas para facer de Galiza un país digno e con capacidade de decisión. Está esta cuestión relacionada co modelo económico-social que se defende? Certo, pero é ela a determinante da crise ideolóxica e política que o BNG viviu. Até tal extremo que o exacto sería afirmar que os dous polos desta dialéctica están no nacionalismo antiimperialista, por unha banda, e o galeguismo europeísta, pola outra, naturalmente con todos os matices e precisións intermedios que caiban. Para os aparatos do poder, para o bipartidismo español, isto foi tamén o relevante, no fondo. Para eles Alternativa pola Unidade, a UPG en redución metonímica manipulada, ten un pecado orixinal imperdoábel: ser a responsábel do nacionalismo galego estar vertebrado, o seu patriotismo (palabra avellada, pouco moderna). De novo lémbrome de como Dean Acheson, subsecretario de Estado dos USA, retrucaba, cando se lle falaba do patriotismo de Ho Chi Minh, que nas sociedades coloniais todos os comunistas eran nacionalistas. Sexa dito, salvando todas as distancias, e desde a perspectiva de quen nunca formou parte de ningunha Internacional comunista.

O tempo aclarará aínda máis o significado e causalidade desta crise. Non me cabe a menor dúbida de que algúns dos que abandonaron se seguen defendendo o criterio de autoorganización, consoante coa defensa do dereito á existencia de Galiza como pobo con capacidade de decisión, terán moitos problemas con moitos compañeiros de viaxe nada proclives á ideoloxía nacionalista, que sempre odiaron e mesmo nunca militaron no BNG. Á inmensa maioría do BNG, que segue intacto, tócalle, dentro das diferenzas lóxicas e lexítimas, escorrentar os dous perigos aos que me referín, decorrentes da máxima tensión entre os polos confrontados, o da asimilación e o do ideoloxismo. Na mudanza desta confrontación lexítima nunha convivencia creativa e construtiva está a cuestión agora. O balbordo mediático, a intoxicación e a confusión deliberadas teñen poder para facer dano de momento, pero non o teñen para aniquilar unha traxectoria política nin para desfacer unha organización con trinta anos de experiencia e de combate ás súas costas. Como non o teñen para seguir coa insidiosa intoxicación da falta de democracia e transparencia ou da existencia dun misterioso e poderosos aparato de control. Non hai organización máis democrática nin máis transparente que o BNG. Sempre foi así, mais para os que teimaban na caricatura e no estereotipo, todo o proceso e a Asemblea de Amio deixounos coa boca aberta. Resulta difícil seguir acreditando nas propias mentiras...