miércoles, 23 de septiembre de 2009

Os PPeólicos xogan á pita cega



Aymerich acusa a Industria de agochar un informe que avala a legalidade do decreto eólico

Santiago de Compostela, 22 Setembro 09.- O portavoz do g.p do BNG emprazou hoxe ao conselleiro de Industria, Javier Guerra, a que explique por que agochou o informe de 5 de Xuño deste ano que desmonta punto por punto a demanda interposta por Endesa ao reparto eólico realizado polo anterior goberno e que avala, por tanto, a legalidade do modelo deseñado polo BNG fronte aos informes de parte nos que Núñez Feijóo fundamenta a paralización do decreto.
“Que ten máis validez –dixo- o informe realizado por un letrado da Xunta en cumprimento co seu deber ou o informe de parte realizado por vostedes para dar cobertura xurídica a unha abitrariedade”.
Carlos Aymerich, durante a comparecencia en pleno do conselleiro, lembrou que este goberno non anulou o decreto senón que deixou o seu procedemento en suspenso amparándose en dous argumentos falsos: a tramitación dunha lei, “cando non é o goberno o que fai as leis”, e un informe de dubidosa rigurosidade, toda vez que foi redactado por un cargo político do PP.
Para o voceiro parlamentar nacionalista, o único obxectivo do actual goberno con esta forma de actuar, buscando dar cobertura legal a unha “resolución inxusta”, é favorecer a aquelas empresas como Fenosa ou Iberdrola que no momento do concurso non se comprometeron co País e agora queren a súa parte.
Neste sentido, Aymerich aludiu á foto no Obradoiro do “abrazo” de Núñez Feijóo co presidente de Iberdrola o día da investidura e recordou que o anterior goberno o que tentou, precisamente, é pór orde e transparencia onde había “concursos dixitais á xente que, ademais, está investigada pola fiscalía nalgúns casos”.
“O nacionalismo quixo facer un proceso transparente e sustentábel, que reducise ademais o impacto social en beneficio dos propietarios dos terrenos e que implicara o compromiso dos interesados co País a través de proxectos para o seu desenvolvemento, e o fixemos con todo o rigor”.
O portavoz do BNG lamentou que da intervención do conselleiro non se poida sacar nada en limpo e replicoulle que “é un desprezo para o goberno da Xunta que forme parte del”.
Asemade, acusouno de estar a realizar unha auténtica “prevaricación lexislativa” ao querer sustituir o decreto por unha Lei, “fanno para blindarse de posíbeis recursos, para evitar ser sometido ao informe do Consello Consultivo e para que a prevaricación que están cometendo extendela a toda á Cámara”.

No hay comentarios: